Cuntis, a vila que foi a antiga Aqua Calidae, quere facer arqueoloxía da auga
A vila de Cuntis foi unha das máis significativas vilas termais da Gallaecia. Os romanos asentáronse no lugar atraídos polas súas augas quentes fundando unha vila chamada Aqua Calidae. A vila situada na vía XIX do itinerario Antonino, que unía Lucus e Bracara, moi preto de Aquis Celenis, actual Caldas, foi un dos asentamentos termais máis importantes do occidente da Gallaecia. A vila romana foi estudada, xa dende a Ilustración, por persoeiros como Cornide Saavedra, mais a vila de Cuntis, do mesmo xeito que outras vilas termais de Galicia, reclama máis investigacións en arqueoloxía no seu casco histórico co obxectivo de certificar o que os investigadores levan moito tempo afirmando.
Un destes investigadores é sen dúbida o profesor Juan Manuel Abascal Palazón, catedrático de Historia Antiga na Universitat d’Alcant e correspondente da Real Academia de Historia (Madrid). Abascal, que forma parte tamén do Instituto Arqueolóxico Alemán e do Corpus Inscriptionum Latinarum (Corpus de Inscricións Latinas), e que para moitos é quizais o mellor epigrafista da Península Ibérica, ven de estudar dende vai longo tempo o pasado termal da vila de Cuntis dende a propia época romana. O vindeiro martes 29 de maio ás 21 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, exporá parte do seu traballo nunha conferencia monográfica baixo o título A Arqueoloxía da Auga na antiga Aquae Calidae.
A iniciativa, dentro do contexto de actividades que nos pasados anos ven de desenvolver a Plataforma Veciñal para a Recuperación do Patrimonio Termal, e que titulan como Ciclo da Auga, pretende afondar no contexto arqueolóxico da vila termal a través das fontes escritas, epigráficas numismáticas e arqueolóxicas vencelladas á localidade. Falarase de epigrafía dos distintos monumentos cuntienses, aras romanas e estelas funerarias e do tesouro de moedas localizado en 1908 na fonte pública de Lume de Deus. Darase conta de datacións e cuñaxes e comprobarase a importancia desa burga como infraestrutura hidráulica bimilenaria dentro do contexto arqueolóxico galego.
Explorarase tamén aquel Cuntis que, como cidade da auga, tivo unha importancia significativa na Gallaecia. Repasarase o trazado das posibles vías de comunicación antigas, dando conta dos miliarios atopados, e farase unha parada obrigada en efemérides como o 110 aniversario da achado das 500 moedas romanas da burga ou o 250 aniversario da descuberta, por Xosé Cornide Saavedra, dos altares dedicados ás ninfas. Dende a asociación pretenden afondar no valor dos recursos culturais da vila como catalizadores dun turismo activo e de calidade, así como dar a oportunidade ós veciños e veciñas, especialistas e investigadores de “coñecer o seu pasado da man dun dos mellores investigadores nestas disciplinas”.