fbpx

Dez monumentos galegos que se farán populares pola serie Fariña

Tempo de lectura: 7 min.

Fariña, a serie que conta a historia dos grandes narcos galegos da man da produtora Bambú e de Atresmedia, despediuse este pasado mércores das pantallas españolas cun enorme éxito. Unha gran obra do audiovisual galego cun reparto composto por moitos dos mellores actores do país, como Manuel Lourenzo, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco, Monti Castiñeiras, Alfonso Agra entre moitos outros. A serie chegou a superar un rotundo 21% do share e preto de un de cada dous espectadores da televisión en Galicia na noite dos mércores.

 

Sendo o éxito tal non é raro que esta serie xa cambiara o imaxinario colectivo de Galicia con respecto ó que foi o narcotráfico, como comentábamos noutro artigo, a imaxe das Rías Baixas e a imaxe que en moitos lugares de España teñen da Galicia dos 80 e comezos dos 90, -máis alá da movida musical-. Mais, como non podía ser doutro xeito, non so Sito Miñancos, Manuel Charlín, Carlos Blanco, Tristán Ulloa, os Resentidos ou Herdeiros da Crus pasarán a historia do audiovisual galego gracias a esta serie. Os escenarios naturais e monumentos das rías de Arousa, Noia e Pontevedra convertéronse tamén, en actores protagonistas desta cinta audiovisual. Estes son os algúns dos monumentos históricos e naturais protagonistas da serie.

Pazo de Baión

O Pazo Baión foi famoso a nivel nacional moito antes de que a serie o volvera a sacar a escena. Como un veterano actor o pazo xa aparecera unha manchea de veces na televisión nacional gracias o mediático Laureano Oubiña, interpretado na serie por Carlos Blanco, por ser símbolo do narcotráfico galego e da loita dunha sociedade contra a droga. Nas súas portas a asociación Érguete e Carme Avendaño mostráronlle ó mundo o que estaba a acontecer en Galicia evitando que este recuncho europeo se convertera nunha nova Sicilia. Coa operación Nécora o pazo foi expropiado e vendido nunha poxa pública ás bodegas Condes de Albarei.

Mais o pazo de Baión, en Vilanova de Arousa, foi orixinariamente unha edificación medieval a xeito de torre ou de casa forte, pertencente á familia Priegue. De torre pasou a ser pazo durante a Idade Moderna, máis a súa imaxe actual data en realidade do primeiro terzo do século XX, cando no ano 1928 Adolfo Fojo Silva, un emigrante enriquecido en América, mercouno, reedificouno  e o converteu nunha propiedade adicada ó cultivo do viño. A reedificación fíxose en estilo e a día de hoxe mantén a solemnidade dos grandes pazos das Rías Baixas, rodeado, como non podía ser doutro xeito, de un mar de parras de uva albariña.

 

Parroquial de Cambados

Segundo se conta entre os veciños e se relata no libro fariña, si podería ser certo que no seu día o teito da parroquial -para outros dise que a capela do hospital- de Cambados fora cambiado gracias á “filantropía” do narcotráfico. Dende aquela semella que non volveu chover dentro, deixando para a súa famosa veciña Santa Mariña o mérito de lucir descuberta. A historia da parroquial é máis modesta que a desta. Data do século XVI e, como moitas igrexas galegas, foi reformada no XVIII, feito que se percibe á perfección tanto na súa fachada barroca como nos seus importantes retablos interiores. Descoñecemos se aínda narcotraficantes da ría se achegan a pregar nela polo bo tempo, o que si está claro é que Miñanco tivo que substituíla polo oratorio dunha prisión de Madrid.

San Martiño de Noia

Mais a parroquial de Cambados non foi a igrexa que se deixou ver na serie cando Javier Rey lle pide a Marcos Vieitez que atrase a procesión do Carme, feito que tamén se relata no libro. Para esta escena escolleuse unha igrexa máis ampla e monumental que permitira meter nela a todo un equipo de rodaxe. Lonxe das estreiteces da igrexa barroca, Bambú escolleu a amplitude do estilo gótico de San Martiño de Noia, protagonista en non poucas escenas da serie.

Trátase seguramente da igrexa máis monumental de toda a ría de Noia, un impoñente edificio de estivo oxival “mariñeiro” consagrada no ano de 1434. Ampla e dunha soa nave foi construída por iniciativa do arcebispo de Santiago Lope de Mendoza no tempo no que esta vila formaba parte das súas posesións. Destaca por posuír varios pórticos que beben das fontes do Pórtico da Gloria, exhibe un monumental rosetón na fachada occidental e remates ameados. É sen dúbida unha das parroquiais máis impresionantes de Galicia.

 

Concellos de Ribadumia e Pontevedra

Se fariña é famosa é entre outros motivos pola polémica decisión da xuíza Alejandra Fontana de prohibir a venta e distribución do libro homónimo de Nacho Carretero. Isto aconteceu despois da denuncia de Alfredo Bea Gondar ex-alcalde do Grove. A política entra por tanto fortemente na serie, xa que xogou un papel capital, nunca aclarado de todo, en temas do narcotráfico en Galicia. Porén non é el, senón, presuntamente, Nené Barral, renomeado na serie como Nino Balbín e interpretado por Miro Magariños, o que aparece na serie como o gran valedor político do narcotráfico da ría. É na súa investidura no concello de Ribadumia onde, sempre segundo a serie, os grandes narcos conseguen fuxir dunha macrorredada saltando por unha xanela.

Concello de Pontevedra / foto JaccroubeCCBy

Mais o concello de Ribadumia é un deses exemplos de casa consistorial de Galicia edificada no último terzo do século XX. Un sobrio edificio de pedra de granito do país que os productores decidiron non darlle pé a representarse a si mesmo. Elixiron para isto o monumental concello de Pontevedra. É este un soberbio edificio ecléctico edificado entre os anos 1877 e 1880 sobre as ruínas da antiga torre da Bastida, do século XV, lugar onte por séculos se atopaba a alhóndiga de Pontevedra. É un edificio do arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros que forma ademais parte dunha das reformas urbanas máis importantes da cidade do século XIX.

 

Vila de Noia

É unha das grandes protagonistas da serie. Xa que nin Cambados, nin Vilanova nin Vilagarcía foron escollidas para representar as prototípicas vilas arousás da década de 1980. Foi a vila de Noia a encargadas de representalas a todas. Nas súas rúas se filmaron escenas como a persecución a pé de Manuel Padín polos axentes Figueroa e Montilla, deixándose ver, dende a ponte maior ás súas rúas interiores, a feitura desta prototípica vila galega. En xeral, a maior parte dos exteriores urbanos da serie, xunto coa localidade de Portodoson e do porto de Meloxo foron rodados en Noia.

Noia é unha das vilas históricas máis importantes de Galicia. As súas orixes remóntanse ó século XII, cando un ataque normando fixo necesaria a reconstrución da vila na súa localización actual. Daquela acada o recoñecemento da súa entidade en 1168, xusto 850 anos atrás, polo rei Fernando II, nun documento coñecido como Carta Puebla. É unha das grandes vilas de Galicia, conservando ademais da citada igrexa de San Martiño, a ponte do Burgo, do último terzo do século XIX, o convento de San Francisco do século XV, reconvertido en Concello da Vila, varias casas góticas, monumentais soportais e un máis que longo inventario de monumentos enclavados nun entorno natural e paisaxístico único.

 

Ponte Nafonso

Esta monumental ponte sobre o esteiro do Tambre, no concello de Outes, moi preto da vila de Noia, lémbranos á perfección como eran as estradas naquela décadas nas que se ambienta a serie. Por séculos foi un paso obrigado para cruzar a ría ata que dúas décadas atrás foi substituída por unha nova ponte de formigón, deixando a solitaria ponte como escenario perfecto para rodaxes. Contén vinte arcos, sete deles góticos, xa que a súa orixe remóntanse a Idade Media cando veu a substituír a unha tradicional barca de travesa. Foi sometida a diversas reformas nos séculos XVI, XVII e XIX e chegou ata hoxe, a falta dunha moi necesaria rehabilitación, como unha das máis monumentais e importantes pontes históricas de Galicia.

Balneario e Casino da Toxa

O balneario da Toxa foi un dos centros termais máis importantes da Galicia do século XIX. A súa explotación comezou en 1840 e en 1907 inauguraríase o primeiro gran hotel de estilo ecléctico inspirado nos grandes centros termais europeos. Desgraciadamente en 1945 foi reformado case por completo e substituído por un edificio máis moderno. Quedou so algúns elementos do antigo, como a escaleira principal. Tamén o casino da Toxa, un edificio inaugurado en 1978 e que é por moito tempo foi un dos escasos edificios integramente dedicado a casino que existiu en Galicia. Na serie serviulle a Monti Castiñeiras, no seu papel de Colombo, como lugar de branqueo de “cuartos”.

 

Pazo de Raxoi

“Se non fai nada os mortos han chegar ás portas deste pazo” espetáballe Tristán Ulloa a un solemne Ernesto Chao convertido en presidente da Xunta ás portas do Pazo de Raxoi. O Pazo de Raxoi, en plena praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, sede de Presidencia da Xunta de Galicia, foi o lugar escollido para representar a conivencia ou, como pouco, deixación que presuntamente o goberno de Alianza Popular tivo co narcotráfico galego. Fernández Albor e os diferentes gobernos galegos e españois dun xeito ou outro foron representados na serie polos seus movementos en contra, a favor, ou simplemente indiferentes, co narcotráfico. A presencia do pazo de Raxoi e da actual sede de Presidencia di moito do que a serie quere falar no tocante á política.

O pazo de Raxoi é un dos máis impoñentes pazos urbanos de Galicia. Un edificio civil, obra do enxeñeiro francés Carlos Lemaur, construído nun excelente como poucos estilo neoclásico. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé Raxoi que foi promotor principal do novo edificio, que se esperaba servira para cárceres civís e eclesiástica, casa do concello e seminario de confesores. Co tempo acabou sendo consistorio da cidade, sede de Presidencia da Xunta e sede da Policía local de Santiago. Foi o feche perfecto a praza máis monumental de Galicia, substituíndo entre 1766 e 1772 a varios edificios en ruínas en un pano de muralla.

Pazo de Raxoi / foto sporrasCCBy Wikimedia

Praia das Furnas

Non é exactamente un monumento histórico, pero si para moitos un monumento natural. Moito máis despois da súa aparición na serie e a súa acollida en moitos medios interesados dende aquela en mostrar ó mundo este recuncho de Galicia. Nel Manuel Lourenzo no papel de Vicente Otero e Javier Rey conversan en diversas ocasións, incluída aquela que levan a Sito a entrar no negocio, de contrabando. A praia das Furnas se atopa na parroquia de Xuño, no concello de Portodoson. É un singular areal aberto ó mar dividido por un saínte. Nel atópase o banco no que Terito e Miñanco falan. Ó pé, o bar As Furnas onde se rodaron as escenas da cooperativa do contrabando.

 

Pode que che interese...