fbpx
Círculo lítico / foto Xavier Moure

Volven a atopar un excepcional círculo lítico no concello de Lugo

Tempo de lectura: 4 min.

O próximo 30 de setembro fará 31 anos que os investigadores Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela publicaron un artigo no xornal El Progreso baixo o título El círculo lítico de Vilarvente, localizado por eles. Un círculo lítico ou cromlech é unha construción megalítica formada pola disposición, en círculo, de pedrafitas. A súa cronoloxía sitúase arrredor do III milenio a. C. Son interpretados como espazos rituais e lugares sagrados. Os cromlech máis famosos de Europa son os da costa atlántica das Illas Británicas (Stonehenge) e a Bretaña francesa (illa de Gavrinis), e Portugal (os Almendres, en Évora).

Naquel tempo, Núñez Jato e Rodríguez Varela tamén descubriron o xacemento, posiblemente único en Galicia, da Pena Fita, na parroquia de Adai, unha gran laxe granítica circundada por 18 buratos e cunha pía circular no centro, interpretada como os cimentos onde ían encaixados os postes de madeira dunha construción prehistórica que, sen entrar en hipóteses de indemostrable explicación, cumpriría unha función singular, situada no entorno dun potente sitio arqueolóxico. Con todas as cautelas, a súa cronoloxía adoita situarse en torno ao II milenio a. C. Sobre este xacementos téñense feito varios traballos e é bastante visitado. Está catalogado pola Xunta de Galicia.

Círculo lítico / foto Xavier Moure

Non tivo tanta sorte (ou quizais si) o círculo lítíco de Vilarvente, dende o artigo citado non atopamos máis referencias. Juan F. Núñez e Laura Rodríguez tiveron coñecemento del por un home, xa falecido, de Vilarvente. O lugar era coñecido como A Horta do Rei, cualificativo significativo que, coma outros que hai en Galicia, adoitaban bautizar aqueles sitios aos que non se lles encontraba explicación, asociándoos a reis ou persoas importantes, mouros, meigas, etc.

Como recoñecemento ao labor de Núñez Jato e Rodríguez Varela (dos que moitos se aproveitaron dos seus traballos en Friol e Outeiro de Rei sen sequera citalos), e tamén para que a Xunta de Galicia o inclúa no Inventario de Bens Patrimoniais de Galicia, o amigo Brais Rodríguez Romero máis eu decidimos ir na busca do círculo lítico da Horta do Rei.

Aínda que coñeciamos o monte onde se atopaba, ignorabamos o lugar exacto. Preguntados os veciños de Vilarvente, todos escoitaran falar da Horta do Rei pero non sabían situala. Foi grazas a un home duns noventa anos de idade e, por suposto, a Núñez Jato e Rodríguez Varela (a quen, unha vez máis, reiteramos o noso agradecemento pola moita información inédita, manuscrita e mecanografada, que nos levan pasado e, sobre todo, pola súa amabilidade) como localizamos o círculo lítico.

Círculo lítico / foto Xavier Moure

O círculo lítico da Horta do Rei ou de Vilarvente atópase no monte do San Fitoiro, a uns 700 metros de altitude, na parroquia de Labio, concello de Lugo, a non moita distancia do límite co concello de Castroverde, nunha idílica fraga situada nunha valgada ateigada de carballos e acivros. Acceder ao sitio non é fácil.

O círculo, practicamente perfecto, ten unhas medidas dus 13 metros de diámetro. Está formado por 27 pedrafitas (algunha inclinada ou tirada no chan debido á acción das raíces das árbores) cunha altura media á vista de 1,25 metros e separadas entre si 0,50 metros. Un dos fitos ten, pola cara interior, dúas pías de 30 e 35 centímetros de diámetro; outro, situado a continuación deste, forma unha cavidade a semellanza dun “sillón” pétreo. O chanto coas pías ten a particularidade de que cando sae o sol ilumínao na súa totalidade. Como dixemos máis arriba, o círculo atópase na parte baixa dunha valgada, como se fose o escenario dun anfiteatro cuxos espectadores poden ver á perfección a obra dende as partes exteriores máis elevadas.

Círculo lítico / foto Xavier Moure

Neste monte e nos das inmediacións hai varios bens arqueolóxicos, entre outros mámoas e petroglifos localizados por nós no mes de setembro de 2016. Tamén hai dous marcos medievais de nome evocador, o de San Fitoiro e o da Rodeira dos Soles. O topónimo de San Fitoiro é un falso haxiotopónimo xa que no santoral católico non existe ningún santo con este nome polo que cremos que o engadido do adxectivo “san” foi para cristianizar un sitio considerado como pagano.

O valor patrimonial deste círculo lítico é innegable xa que na actualidade só se conservan en Galicia un reducidísimo número: O Freixo (As Pontes), o Prado das Chantas (O Valadouro), Montenegro (Moaña) e o Altar do Sol, en Parada de Alperiz (Lalín). Este último está formado por unha serie de chantos en forma de recinto presidido por un con dúas pías, ao igual que o noso da Horta do Rei. Outros que había desapareceron. Segundo os datos que manexamos, existe coñecemento documentado de 22 círculos líticos que, agás os citados, foron destruídos entre finais do século XIX e o século XX. Deles falan Saralegui, Murguía, Villaamil y Castro, Monteagudo, López Cuevillas, Bouza Brey e Filgueira Valverde e García Alén. Había 13 na provincia da Coruña, 2 na de Lugo, 1 na de Ourense e 8 na de Pontevedra.

Círculo lítico / foto Xavier Moure

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...