fbpx
Detalle do cartaz do I Encontro de Banda deseñada Histórica de Galicia

A segunda parte do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia debuxará en directo o Arde Lvcvs

Tempo de lectura: 3 min.

Probas de castrexos en banda deseñada / Manel Cráneo

A segunda parte do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, impulsada polo Concello, Demo Editorial e por este medio, Historia de Galicia, completarase este sábado in situ en diferentes actos do Arde Lvcvs MMXVIII. É o remate dunha das máis interesantes iniciativas do encontro que comezamos no mes de abril e que contemplou charlas e obradoiros no MIHL de Lugo. Esta fin de semana dará o seu feche cun roteiro pola festa dos ilustradores invitados, todos eles especializados no xénero histórico, e que dende aquela trataron de amosar como representar e divulgar o noso propio pasado.

Víctor Boullón, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro, Tokio, Miguel Fernández e Manel Cráneo serán os encargados de levar a diante esta última xornada in situ. Para isto percorrerán dos distintos puntos da festa, declarada de Interese Turístico Nacional, desenvolvendo debuxos en directo nos puntos estratéxicos da acción dos festexos. O ambicioso obxectivo será tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti a través da representación gráfica e coa inspiración de primeira man desta recreación histórica única.

Unha das viñetas da obra A Torre dos Mouros, de Manel Cráneo

I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Así, serán eles os cronistas gráficos das batallas entre castrexos e romanos deste sábado. Pola mañá, tratarán de retratar o ataque galaico a unha patrulla pretoriana ás 12:40 horas na Praza Maior, no que participan as asociacións Mercenarios Galaicos, Trebas Galaicas e Garda Pretoriana. Mais tarde debuxarán tamén a sesión de audiencias do Senatus Lucus Augusti que os romanos farán na Praza Maior ás 13:30 horas. Xa pola tarde, ás 18:20 horas, no Cantiño Nemesio Cobreros e no Asalto ó Monte Medulio, deixaranse ver tamén na formación de combate e no campamento da Cohors III Lucensium. Finalmente ás 20:30 horas, xa derrotados os locais, tratarán de retratar o desfile de tropas romanas e tribos castrexas pola Ronda da Muralla.

O programa presentouno o pasado martes a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, coas actividades que ó longo desta xornada festiva desenvolverán os debuxantes. Posteriormente haberá unha xuntanza na que os autores porán en común os seus traballos, valorar as ilustracións e avaliarán tanto o desenvolvemento da propia xornada como do Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. Proxectarase ademais a posible publicación dos traballos a través dunha viñeta historiada.

Detalle da portada dos Barbanzóns, de Pepe Carreiro editado en Toxosoutos

Pode que che interese...