fbpx
Hórreo de Carnota / foto dkatanaCC0

Sabes de certo cal é o hórreo máis longo de Galicia?

Tempo de lectura: 4 min.

O centro da vida labrega era a casa. Máis ó redor da casa sempre houbo outras construcións anexas, en ocasións tan importantes ou máis que a propia vivenda. A máis importante é o hórreo, un celeiro destinado á gardar o millo e outros cereais, máis non so funciona como almacén senón que os hórreos son verdadeiros artefactos feitos para canalizar o aire e secar o cereal e conservalo illado da humidade das aves e dos roedores ó longo de todo o ano. Os hórreos ademais eran construcións que denotaban a importancia da súa casa, un símbolo de poder económico, de ter gran de sobra e ser farturenta, por iso son un dos elementos máis coidados da casa, tanto pola súa posición como pola súa decoración, tamaño ou estilo.

Así, deixando de lado outros factores que fan dos hórreos elementos de interese excepcional, varios son os que presumen en Galicia de ser os máis longos. Tres de eles son os que levan a fama e non semella sinxelo en ocasións visitándoos por separado saber cal é o que o é de certo. Na comarca de Muros na Costa da Morte, Carnota e Lira levan a fama. Mais a resposta non é tan sinxela como semella. O que si é certo é que os hórreos de maiores dimensións de Galicia corresponden case sempre a mosteiros, pazos, ou igrexarios, que noutros tempos foron as maiores fortunas rurais de Galicia e os maiores propietarios de boa parte das terras.

Hórreos de Combarro / foto magicboiroCC0

Entre os principais, se cadra o de maior sona, e o identificado como o hórreo máis longo de Galicia, é o de Carnota, ou de Santa Comba de Carnota. Mide 34,80 metros por 1,90 de ancho e ten 22 pares de pés, unha inmensidade comparado con outros hórreos tamén longos do país. Isto é porque o hórreo de Carnota naceu para ser un dos máis longos, coa propia idea de deslumbrar polo seu tamaño. O de Carnota, no centro mesmo da vila, está dentro dun suntuoso conxunto de pazo reitoral, igrexa, malla e pombal. Foi construído no século XVIII, entre 1768 e 1783, e foi construído baixo o deseño de Gregorio Quintela. Mais non é o máis longo de Galicia.

Mais na veciña localidade de Lira, do mesmo Concello, foi feito exactamente na mesma época e probablemente polo mesmo arquitecto un hórreo nacido para superar ó de Carnota. O hórreo de Santa María Lira ten exactamente o mesmo número  de pés 22, aínda que é máis estreito, de tan so 1,60 metros de ancho. Porén o de Santa María de Lira é lixeiramente máis longo en metros, xa que ten 36, 55 metros. Foi comezado a construír cando se estaba erguendo o de Carnota, en 1779 máis non se remataría ata 1814, con 31 anos de vantaxe para superalo en lonxitude. Mais tampouco é o máis longo.

Hórreo do mosteiro de San Xoán de Poio / foto Juan Mejuto CCBy Wikimedia

O terceiro na pugna non se fabricou por mera competición, senón que foron moxes bieitos quenes o fabricaron. Neste caso trasladámonos da Costa da Morte ás Rías Baixas, en concreto á ría de Pontevedra. Falamos do hórreo do mosteiro de San Xoán de Poio. Este hórreo que tampouco é o de maior lonxitude de Galicia, si é o que máis pés ten, xa que nos seus 33,60 metros, case tres menos que o de Lira, ten 17 pes de longo, mais non en dúas filas, senón en tres, chegando polo tanto a un total de 51 pés fronte o total de 44 dos dous anteriores. Ten polo tanto 3,30 metros de ancho que é literalmente máis do dobre do de Lira, e preto do dobre do de Carnota, e polo tanto é, a moitísima distancia o hórreo con maior capacidade de Galicia.

Mais, se ningún destes tres é o máis longo, cal o é de certo?, porque non se soe levar a fama?, e, como pode ser que non sexa o de maior número de pés de Galicia nin de longo, como o de Lira ou Carnota nin en conxunto como o de Poio?. Pois porque sinxelamente non ten pés. Falamos do hórreo de Santa Baia de Araño en Rianxo. Ten 37,3 metros de longo por 2,40 metros de ancho, 2,70 metros de alto polo que é de feito o máis longo de Galicia e o segundo en capacidade cun total de 170 m3. Mais é un hórreo sen pés. Porque coma moitos outros en Galicia, atópase asentado sobre un podio, cun tornarratos corrido e sobre el o corpo do hórreo. Coma moitos outros é un hórreo dun igrexario e coma tantos é do século XVII, un dos momentos de maior rendemento histórico do agro galego, pero esa é xa outra historia.

Hórreo de Araño en Rianxo / foto Óscar fotosderianxoxindiloCCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...