fbpx
Danan unha figura románica da Fachada de Praterías da Catedral de Santiago, co nome dun grupo de rock, Kiss / HdG

Desfeita en Santiago: así é a escultura estragada do século XII do pórtico de Praterías

Tempo de lectura: 4 min.

No día de hoxe a fachada de Praterías da Catedral de Santiago apareceu cunha pintada de cor azul facendo alusión ó grupo de hard rock The Kiss. Foi en concreto nunha das xambas da fachada románica, nunha das esculturas de mármore que formaban parte do programa iconográfico orixinal e que representan ós 12 apóstolos. O apóstolo en cuestión apareceu emulando unha das pinturas faciais que empregan habitualmente o grupo, coa cara decorada cun anteface azul e bigotes felinos. Tamén sobre o libro que sostén na man apareceu a palabra Kiss, coa tipografía do histórico grupo americano.

A nova, que transcendeu ó ámbito nacional, está a provocar unha grande expectación. Non sen motivo, xa que se trata dun dos maiores atentados que sufriu a catedral compostelá dende a súa declaración como Monumento Histórico Nacional (hoxe BIC) no ano 1896 . E é que a escultura, do século XII, e unha das pezas máis relevantes deste pórtico é unha manifestación única da escultura románica galega e da produción artística do taller compostelán no momento de maior plenitude do románico europeo. Unha escultura insubstituible.

Neste momento as autoridades están a tratar de identificar ó autor ou autores da agresión e a revisar as cámaras de seguridade que vixían o casco histórico da cidade. Estas instaláronse fai preto dun cuarto de século atrás en previsión deste tipo de incidentes. O obxectivo era protexer ó rico patrimonio histórico que permanece no espazo público do casco histórico e que correrían risco de dano a diario sen a súa utilidade disuasoria. De feito, a diferencia de outras cidades como Roma ou Venecia, nas que as esculturas máis valiosas son retiradas da rúa, na cidade se apostou pola solución da videovixilancia.

Con ela agárdase poder identificar os culpables que terán que enfrontarse ás penas estipuladas na lei de entre 6.000 a 150.000 euros e, presumiblemente, pagar os custos da restauración. Porén é posible que os danos da figura sexan de feito irrecuperables, xa que a interacción do mármore con determinados produtos químicos da pintura empregada podería causar danos irreversibles. Ademais estes danos iríanse manifestando ó longo do tempo e engadiríanselle a nunha escultura que xa ten un desgaste natural considerable. Agárdase que os técnicos de patrimonio avalíen tamén nas vindeiras horas os danos causados na histórica escultura.

Declaracións institucionais

Segundo recolleron diferentes medios, as autoridades da cidade xa se fixeron eco da nova e lamentaron publicamente o ataque. O titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, durante un acto esta mañá en Baiona, cualificou o acto de “barbarie patrimonial”, “barrabasada” e “acto de incultura”. Pola súa banda o alcalde compostelano Martiño Noriega, lamentou o acto e sinalou que Compostela é unha cidade “tolerante e aberta ó mundo” e que “os veciños e veciñas” están “orgullosos” do seu patrimonio. Mais tamén afirmou que a cidade é “intolerante” con agresións deste nivel, pois, segundo el, “se atacan ó noso patrimonio, nos atacan a todos”.

Unha peza clave

A fachada das Pratarías é sen dúbida un dos conxuntos de maior valor histórico e cultural da catedral compostelá. Forma parte do complexo programa iconográfico medieval deseñado para as portadas da catedral e que sería rematada, aínda que modificado coa obra do Mestre Mateo. Edificada entre 1103 e 1117, é a única fachada orixinal que como tal conserva a catedral, aínda que durante séculos se lle foron engadindo esculturas de diferentes lugares do templo. Por isto a fachada de Praterías é un auténtico museo ó aire libre con pezas de valor incalculable únicas en todo occidente, moitas delas pezas cumio da arte do seu tempo.

No século XII, durante a súa construción, e tras un incendio que sufriu no medio das revoltas da vila contra Xelmírez, habería de ampliarse o programa inicial sobre a natureza humana e divina de Cristo engadíndoselle imaxes do nunca construído pórtico occidental, que sería substituído polo pórtico do Mestre Mateo. No XVIII engadiríanselle tamén partes do desmontado Pórtico do Paraíso, substituído daquela pola actual fachada barroca de Acibechería. Finalmente no século XIX o historiador Antonio López Ferreiro colocou tamén nesta portada algunhas esculturas procedentes doutros lugares da catedral, especialmente do coro pétreo de Mateo.

Fachada de Praterías gravado de finais do século XIX de Enrique Laporta Valor / foto Wikimedia PD

Mais as tres columnas de mármore branco na que se atopa a escultura atacada si forman parte do núcleo orixinal. A fachada constaría de dúas portas de entrada abucinadas, con arquivoltas e tímpanos historiados. As tres columnas de mármore formarían parte do núcleo deste programa orixinal. Na central aparecen as figuras de doce profetas e nas laterais, coa que foi atacada esta noite, represéntanse, baixo palios arquitectónicos, os 12 apóstolos.

Unha imaxe de Kiss

The Kiss ou Kiss é una banda americana de hard rock formada en Nova York na década de 1970. Estivo conformada polo baixista Gene Simmons, o guitarrista Paul Stanley, o batería Peter Criss e o segundo guitarrista Ace Frehley. The Kiss foron mundialmente coñecidos polas súas maquillaxes faciais, os seus extravagantes vestidos e actuacións en directo con pirotecnias, chamas, canóns, escenografías con sangue falsa, fume, guitarras ardendo ou baterías que se elevaban sobre o chan. Kiss é considerada a banda americana con maior cantidade de recoñecementos, xa que ó longo da súa carreira conseguiu un total de 30 Discos de Ouro. O logo de Kiss foi o nome da súa banda cunha tipografía na que as dúas SS semellan ter a forma de dous raios, tal e como tristemente se pode ver no noso pórtico.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...