fbpx
Catedral de Santiago dende o Obradoiro / foto javierAlamoCC0_

Coñece as grandes incógnitas por resolver da historia da Catedral de Santiago

Tempo de lectura: 5 min.

A Catedral agocha moitos segredos e incógnitas que aínda están por resolver sobre ela. O coro pétreo do Mestre Mateo ou a posible existencia dunha escalinata occidental á barroca son dous das grandes cuestións a resolver polos especialistas.

Durante os últimos tres anos experimentamos unha rehabilitación e restauración da Catedral de Santiago. As intervencións arqueolóxicas son a outra cara da moeda, unha cara máis oculta ao peregrino. A escalinata barroca que da acceso á porta occidental é un lugar moi rico arqueoloxicamente e nela se centraron tanto os traballos de rehabilitación como os científicos, os cales foron moi exitosos.

O TRABALLO DO MESTRE MATEO

A principios deste ano déronse a coñecer todos os avances na revista da Catedral de Santiago polo director do Museo, Yzquierdo Peiró. O obxectivo: analizar se a Catedral románica estaba finalizada cando no 1168 aparece o Mestre Mateo ou se foi el quen rematou todo o extremo occidental o gran templo compostelán. Asimesmo, era importante tamén identificar como serían os accesos á fachada occidental.

Os traballos arqueolóxicos realizados nestes anos sinala que o Mestre Mateo actuou “ex novo”, é dicir, foi o taller do autor do Pórtico da Gloria o que rematou a Catedral. En canto á existencia dunhas escaleiras exteriores que darían acceso á fachada occidental, “non se achou ningunha evidencia”, como sinala Yzquierdo Peiró en dita publicación. O acceso daríase polas escaleiras interiores que se atopan na cripta, parada obrigada ao ser o punto de inicio do relato bíblico.

Restos arqueolóxicos pertencentes á cerca exterior do Coro do Mestre Mateo / Memoria de actuacións arqueolóxicas. P&A Arqueólogos

O CORO PÉTREO

O coro dos capitulares -pétreo e policromado que ocupaba os primeiros catro tramos da catedral- foi outra das grandes obras de Mateo no ámbito da Catedral de Santiago de Compostela. Tanto a súa existencia, como o seu derrubo están documentados. No ano 1604, o Cabildo contratou a Ginés Martínez -quen construíu a escalinata barroca da fachada do Obradoiro- para desmontalo, segundo indicou o prestixioso arqueólogo Francisco Prado Vilar nesta conferencia no Ateneo.

As razóns do derrubo, puideron ser derivadas do Concilio de Trento, xa que permitiu o arcebispado ter maior poder e o coro pétreo non se achegaba as demandas deste estamento eclesiástico. Mais, como indica Prado Vilar, principipalmente debéronse a “cuestións de comodidade”. Ademais, a súa destrución non foi un feito illado, senón que foi unha acción común en toda Europa.

As pedras do coro foron reutilizadas para asentar o novo coro e a escalinata barroca. Por iso, cando Chamoso Lamas levantou as lousas da plataforma superior da cripta en 1978 atopou unha importante cantidade de pezas e esculturas que pertencían ao coro. Estas, permitiron a Yzquierdo Perrín e a Ramón Otero Túñez facer a finais do século XX unha reconstrución do coro que hoxe se atopa no museo catedralicio. Así, cando se fixeron as últimas prospeccións arqueolóxicas, sabíase que se atoparían máis restos.

Nesta última intervención atopáronse doce placas de granito con torreóns poligonais en releve, nos que nalgún caso consérvase restos de policromía. Tamén se atoparon arcos nos que habitarían esculturas de diferentes personaxes bíblicas. Unha viga e dous plafóns con decoración vexetal xunto con outro torreón e un fragmento de dintel completan os elementos achados pertencentes ao coro pétreo do Mestre Mateo.

A NOVIDADE: OS RELEVES DA MATANZA DOS INOCENTES

Posible cabeza do Rei Herodes pertencente á Matanza dos Inocentes / R. Yzquierdo Peiró

Nos dous extremos do pseudotransepto, segundo indica Yzquierdo Peiró neste artigo que tamén trata os novos achados, atopáronse “unha serie de pezas labradas en altoreleve” que forman parte dunha mesma serie sobre un tema: a Matanza dos Inocentes. Esta pasaxe bíblica relata como Herodes, tras ser burlado polo magos, enfureceuse e mandou matar a todas as crianzas menores de dous anos. Estes nenos convertéronse nos primeiros mártires do cristianismo.

Atopámonos ante un grupo escultórico cun forte carácter narrativo. As pezas atopadas corresponden á cabeza coroada de Herodes, a súa figura mutilada coa súas correspondente espada e tres placas en altorrelevo que representan aos soldados coas súas cotas de malla. As imaxes destacan pola súa violencia e crueldade representadas cunha “especial expresividade”, segundo Yzquierdo Peiró

A ORIXE DA MATANZA DOS INOCENTES

Este conxunto pertence ao coro mateano? A que época pertence? Foi obra do taller do Mestre Mateo? Estas foron as preguntas que tiñan que responder os expertos. Yzquierdo Peiró recolle a reconstrución de Otero e Yzquierdo, que colocaron un tímpano coa Adoración os Reis Magos na súa parte central, os cabalos da cortexo dos Reis Magos e por unha Anunciación -hoxe desaparecida- e, entón, desenvolve a súa teoría.

Segundo o seu análise é “improbable” que se atopara no coro, “tanto por encaixe temático no programa iconográfico concibido polo Mestre Mateo” como “polo propio tamaño e forma das pezas” que lle darían maior relevancia que aos demais temas. Tamén menciona as características estilísticas, que, segundo a súa análise, son “plenamente góticas” a pesares de beber aínda da influencia dos taller mateano.

Desta forma, contextualiza este novo e inesperado achado entre 1250 e 1350. Asimesmo, colócao en lugares como o claustro medieval ou en capelas adxacentes. Aínda así non pecha a posibilidade de que a Matanza dos Inocentes fóra trasladada as mediacións do coro pétreo nalgún momento anterior ao seu derrubo.

DEBATE DA SÚA ORIXE

Pola súa parte, Francisco Prado Vilar durante a súa intervención no Ateneo compostelán non agocha a súa sorpresa polas datacións. Primeiro, pola súa lonxitude e heteroxeneidade, pero tamén pola “evidencia precaria dende o punto de vista estilístico”. Na conferencia sinalou unha gran cantidade de similitudes entre as pezas atopadas e distintas obras da arte románica hispánica relacionada co taller do Mestre Mateo, por exemplo San Juan de Duero en Soria.

Por outra banda, destacou a cabeza de Herodes ten o seu xemelgo no propio coro do Mestre Mateo na cabeza de Salomón que agora se sitúa na Porta Santa. A distancia temporal que lles separa sería duns 50-60 anos, o cal lle parece “raro”. “No século XIV se se intenta decorar unha capela cunha Matanza dos Inocentes nunca sería en releve, sería pintada”, engade á súa argumentación o investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela.

Prado Vilar afirma que a cronoloxía máis adecuada sería entre 1190 e 1200. Desta maneira, “realmente adquiren un valor incrible no contexto europeo da época” xa que a Matanza do Inocentes, que el coloca no mesmo coro, sería dos “máis temperás na súa tipoloxía en toda Europa”. En todo caso, non deixan de ser hipóteses científicas non se dispoñen de “datos fiables”, como confesa Yzquierdo Peiró no seu artigo na revista do museo. E, como conclúe este mesmo experto: “atopámonos ante unhas pezas especialmente interesantes e singulares”.

Pode que che interese...