fbpx
A Lagoa de Antela antes de ser desecada completamente / Sociedade Galega de Historia Natural

1958: Cando desapareceu o gran mar interior de Galicia, a Lagoa de Antela

Tempo de lectura: 2 min.

O día 8 de setembro de 1958 comezaban as obras da desecación da Lagoa de Antela, en aplicación da lei do 27 de decembro de 1956, sobre “Saneamiento y colonización de la Laguna de Antela, sita en la provincia de Orense” coa que o Franquismo sancionaba a desaparición do gran lago interno de Galicia e segundo espazo lacustre máis importante da Península.

De feito, desde épocas moi antigas, houbo intentos para desecar a lagoa de Antela, comezando polos romanos, pero non sería ata os anos 30 do século XIX cando tomarían máis impulso. Neste século hai proxectos que non son moi coñecidos, como o do enxeñeiro inglés John H. Stone, que ten presenza na Limia desde 1873 ata 1890 tal e como xa relatou Historia de Galicia.

Finalmente, hai pouco máis de medio século, eses plans tomaban forma. A lagoa foi desecada coa promesa dun aproveitamento multifuncional que nunca tal foi. Do desengano foron testemuño moitas das voces recollidas anos despois por Xosé Luis Martínez Carneiro, coordinador de Antela, A memoria asolagada, publicado por Xerais en 1997. Aí pódense ler testemuñas cativantes como a da señora de Baltar que vía o mar cada vez que baixaba á chaira e que, de súpeto, deixou de ver.

A Lagoa de Antela no mapa de Fontán

60 anos despois

Sesenta anos despois do inicio dos traballos da desecación da Lagoa e vinte e pico da publicación do libro Antela, a memoria asolagada, coordinado por Xosé Lois Martínez Carneiro, o Museo da Limia quixo impulsar unha reflexión colectiva sobre as consecuencias daquela decisión dos gobernantes franquistas. A tal fin ven realizando, ao longo de 2018, varios actos e eventos relacionados coa propia desecación e coas vivencias e opinións contidas no citado libro.

As reflexións e debates do Museo da Limia, relacionados co 60º aniversario da desecación comezaron o pasado 7 de abril, dedicándolle as III Conversas na taberna á pataca na Limia. A lembranza continuou e continúa coa exposición fotográfica homónima, dende o 3 de agosto ao 7 de outubro, mediante a que se pretende dar conta do acontecido no antigo humidal da Antela, do antes e despois dun espazo que forma parte da memoria colectiva dos limiaos.

A iniciativa, organizada polo Museo da Limia, e visitábel na súa sede, conta coa colaboración do Centro de Cultura Popular do Limia, do Portal web colaborador de HdG Vía Lethes, da revista Lethes, Cadernos Culturais do Limia e do propio coordinador do libro Antela, a memoria asolagada, Xosé Luis Martínez Carneiro, así como co patrocinio do Concello de Vilar de Santos e da Deputación Provincial. Os actos rematarán este sábado 29 de setembro coa celebración da IV Conversas na Taberna.

Pode que che interese...