fbpx

Lendas galegas para escorrentar o virus na casa: As lendas e misterios das Illas Sagres

Tempo de lectura: 2 min.

Fronte o cabo Falcoeiro, no último extremo da península do Barbanza, na parroquia de Aguiño, onde a ría de Arousa se resiste a morrer no Atlántico, atópanse as Illas Sagres. Son un pequeno arquipélago que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e que non ten máis de 13,5 hectáreas emerxidas en total. Está formado por máis dunha ducia de pequenas illas, illotes e baixíos formando un conxunto de innumerables afloramentos apenedados sobre o mar, cunha gran importancia natural, refuxio de aves e cun rico ecosistema mariño. Pero as Sagres destacan sobre todo polas súas lendas.

Como en tantos outros lugares ó longo do noso país, as llas Sagres chamaron poderosamente a atención, polo seu carácter apenedado e pola evocación que producen os centos de penedos de diferentes tamaños e formas que emerxen do mar. Moitos deles levan nomes como Queixada, Testa, Chapeu, Cabalo, Moas, Canteiros, Os Asadoiros ou Setelinguas. A lenda do Home de Sagres é, sen dúbida, a máis importante, apelando ó comezo dos tempos, e unindo nunha historia común a tradición de todos os nomes antropomorfos do conxunto.

Un recuncho apenedado da costa / foto kaedesisCC0

Cóntase que no principio dos tempos, estas terras estarían dominadas polos Oestrymnios e asoballadas polas invasións das tribos celtas que baixaban dende o norte. Mais o lugar estaba protexido por un encantamento, pois quen se arriscara a entrar na costa co afán de conquistala quedaría convertido en pedra. Conta a lenda que Saefes, o xefe dunha tribo celta, incapaz de conquistar estas terras, e que xa vira parte dos seus exércitos convertidos en pedra, entrou no lugar co obxectivo de casar con Forcadiña, a filla do xefe dos Oestrymnios. Así o fixo, tendo un fillo chamado Noro.

Mais descubriuse o engano e o feitizo apoderouse da parella e do seu fillo. Saefes quedou convertido na pena coñecida como Home de Sagres e a súa muller e fillo nos illotes de Forcadiña e Noro. Segundo esta, ficarían convertidos en pedra pola eternidade, xunto co exército de guerreiros de pedra que os acompaña. Porén, outra versión da lenda fala de que a causa de convertérense en pedra, foi o brutal maltrato de Saefes a Forcadiña, de tal xeito que a súa lingua saltaría partida en sete pedazos ou Setelinguas, e o seu corpo esparexido pola ría, dando nome así ás pedras das Moas, a Queixada, os Canteiros, a Testa ou a Dianteira.

O mar batendo nos penedos / foto kaedisisCC0

 

 

Pode que che interese...