Castelao en 3D / Consello da Cultura Galega

Coñece o verdadeiro rostro de Castelao

Castelao volve a vida. O escritor, político, debuxante e médico de Rianxo tomou forma humana nunha ambiciosa e interesante exposición do Consello da Cultura Galega.

Alba de Gloria” é o nome desta mostra que é máis que un conxunto de documentos. É unha experiencia sensorial. Non ten paneis explicativos senon infografías interactivas e realidade virtual para coñecer a faciana dun Castelao descoñecido. As tecnoloxías do século XXI postas a disposición dun teórico e dun pensador do século XX.

Esta exposición, que se inaugura o vindeiro mércores, suporá unha viaxe sensorial a través das ideas, das figuras e do relato da historia de Galicia narrado polo propio Castelao.

Como volveu a vida Castelao?

O comisario da mostra, Manuel Gago, construíu un interesante modelo tridimensional do pensador rianxeiro a partir de toda a documentación gráfica, audiovisual e plástica dispoñible ata o momento. Unha viaxe ao mundo da realidade virtual que parte da realidade documental e física. Porque os visitantes da exposición poderán ollar, e case tocar a un Castelao que se move e que fala diante deles.

E nesa reconstrución virtual da historia de Galicia, o político e pensador galeguista non estará só. Acompañarano nesa viaxe os principais facedores deste país: o emperador Teodosio e San Dámaso; Pedro Madruga co puñal da traizón espetado nas costas; O mestre Mateo co Apocalipse debaixo do brazo encabezando unha grea de arquitectos e imaxineiros; xograres e trobadores coma Airas Nunes, Meendiño, Xohán Aireas, Martín Codax ou Macías; Concepción Arenal; Emilia Pardo Bazán; Pondal; Xelmírez e os tres Fonsecas; Sarmiento de Gamboa; Paulo Orosio; Nicomedes Pastor Díaz; Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro ou Lamas. Todos eles estarán nesa Santa Compaña que é o mundo irreal –e máis real que nunca– que é Galicia.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: