Queres coñecer como loitaba un guerreiro galego dende a Antigüidade ata a Idade Media?
Expertos galegos en artes marciais históricas amosan esta semana a evolución das técnicas de combate, a indumentaria e as armas empregadas dende a Antigüidade ata a Idade Media.
Será no marco da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares que promove un seminario sobre “Armas de Roma e a Idade Media. Tipoloxía, biomecánica e técnicas de combate”. Esta iniciativa diríxese aos alumnos do Máster e do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da Universidade de Santiago e, en xeral, a estudantes de Historia, Historia da Arte e das distintas Filoloxías. Centrarase no uso das armas, na indumentaria e nas diferentes técnicas de loita empregadas dende o Imperio romano, con especial incidencia na Idade Media.
No seminario van participar varios integrantes do Club Falcata de Artes Marciais Históricas Europeas de Vigo. No Club levan anos buscando a parte máis científica e histórica das artes marciais, a través do estudo de tratados antigos. No transcurso do seminario varios membros do Club realizarán unha exhibición de distintas técnicas de combate pertencentes a diferentes etapas históricas, en particular da Idade Media, ao tempo que amosarán a indumentaria dos cabaleiros medievais e parte do armamento máis habitual da época.
A xornada terá lugar este martes no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago, a partir das 12:30 horas.