fbpx
Casa Cornide na Cidade Alta da Coruña / foto HdG

Que facer con todo o patrimonio galego que é memoria da represión franquista?

Tempo de lectura: 2 min.

Que facer coa Casa Cornide, coa Illa de San Simón ou co Pazo de Meirás entre moitos outros lugares que son memoria da represión franquista? Este é o importante debate que a sociedade galega debe afrontar nos vindeiros anos e que o Consello da Cultura Galega quere tamén discutir nunha  xornada con algúns dos maiores expertos de Galicia en Memoria Histórica.

E é que o vindeiro venres día 16 a institución organiza a xornada ‘Que facer cos lugares de memoria do Franquismo?’ que se celebrará no auditorio municipal da Casa da Cultura de Sada dende as 10h da mañá. Trátase dunha reflexión de conxunto, contextualizada no marco europeo das políticas da memoria e sobre o pasado recente das levadas a cabo en Galicia nas últimas décadas.

Tamén do que resta por facer. Pois, tal e como lembran dende o Consello da Cultura Galega, “son varios aínda os espazos en que a sombra da ditadura, da súa represión e das súas vítimas está presente. Algúns foron obxecto de resignificación, outros aínda xacen no semiesquecemento, igual que varios lugares ligados á memoria do antifranquismo e mais dos movementos sociais anteriores á Guerra Civil”.

A illa de San Simón foi empregada como lazareto pero tamén como campo de exterminio / foto HdG

A evolución recente da batalla xudicial pola recuperación do Pazo de Meirás, despois de varios anos de reivindicación social e da intervención das institucións galegas e españolas a prol da súa titularidade pública, devolveu ao primeiro plano da actualidade a cuestión da permanencia dos lugares de memoria vencellados á ditadura franquista en Galicia. Compre plantexarse agora o seu futuro.

A xornada estará coordinada polo historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, e presentada polo xornalista Carlos Babío, un dos grandes responsables da recuperación do Pazo de Meirás pola cidadanía. Entre outros as xornadas contarán coa xornalista Montse Fajardo, xornalista e escritora de “A memoria das mulleres”; o profesor de Historia Contemporánea da USC, Emilio Grandío; o economista e historiador Dionisio Pereira; a historiadora Aldara Cidrás ou os profesores Manuel Pérez Lorenzo e Raul Soutelo. O programa e a inscripción poden consultarse neste link.

Pode que che interese...