fbpx
Un avin Lorin R. III da II República Española / pinterest

O avión repúblicano que escachou contra un sepulcro medieval

Tempo de lectura: 2 min.

Era finais de agosto de 1933 cando a aldea de Fornas, en Chantada, mobilizouse case por completo. O motivo, o accidente dun avión na coñecida como finca dos Sepulcros. Unha veiga onde hai sepulturas escavadas na rocha.

O avión, un 21-10, quedou seriamente danado tras a aterrizaxe de emerxencia por problemas mecánimos. O aparello foi bater coa rocha onde están os sartegos e rachou unha das as. Os seus pilotos saíron, de miragre, con vida.

O xornal ABC publicaba na súa edición do 2 de setembro de ese ano os restos destrozados do avión vixiados por un garda civil a cabalo, e detrás del unha multitude de xente mirando. De feito, foi tal a sona daquel accidente que moitas xentes da contorna achegaronse nos días sucesivos a ver o aparello. Xabier Moure destaca que xente da contorna contoulle que moitos pedazos dese avión seguen en casas particulares.

O Sartego de Fornas, en Chantada / Xabier Moure

O sepulcro

O sartego de fornas é mencionado desde hai moito tempo en diversas publicacións, como a guía de Chantada que publicou en 1991 o falecido escritor Ánxel Gómez Montero. O lugar tamén está incluído nos inventarios oficiais da Dirección Xeral de Patrimonio.

A súa orixe pode estar vinculada coas fundacións monásticas. É do tipo coñecido como sepulcro bisomo, isto é, preparado para aloxar dous corpos ao mesmo tempo. A cavidade aberta na rocha mide sobre 1,95 metros de longo, cunha anchura máxima duns 85 centímetros, e está rodeada dun pequeno bordo tallado que probablemente serviu para encaixar unha tapa que cubría todo o oco.

Segundo o filólogo Fernando Cabeza, é moi posible que esta sepultura dese o nome a toda a parroquia de San Cristovo de Fornas. O topónimo, ao seu xuízo, derívase da palabra latina furnus -forno ou concavidade- e está emparentado con outros nomes de lugar repartidos por Galicia, como Fornelos, Fornacho ou Fornaco, que se relacionan igualmente coa presenza de sepulturas antropoides.

Pode que che interese...