fbpx
Vinilo do retablo do Santuario da Virxe da Barca en Muxía / foto HdG

Cinco anos despois do incendio, a Virxe da Barca segue sen retablo

Tempo de lectura: 3 min.

Na mañanciña do día de Nadal de 2013, como se fora obra da conspiración dunha deidade pagá, o templo da Nosa Señora da Barca en Muxía, ardía de perpiaños a teito por mor dun raio. Cadeiras, exvotos, portas, teitos e retablos consumíanse baixo as lapas ante a incrédula mirada da sobresaltada xente da localidade, así como dos equipos de emerxencia que fixeron canto estivo na súa man para salvar o lugar. Algúns retablos conseguiron salvarse do lume, máis non o retablo do altar maior, adicado á Virxe.

Concello, Xunta e Archediócese uníronse, daquela, para reconstruír o templo do que que non so quedara arrasado e ennegrecido polo calor e o fume, senón tamén enchoupado pola auga dos medios de extinción e das chuvias. Reconstruíuse o altar maior, colocouse unha nova teitume, portas novas e rehabilitáronse algunhas imaxes e retablos que non pereceran baixo as lapas. Mais o retablo da Virxe, obra do compostelán Miguel de Romay e levantado en 1717, non puido recuperarse.

Foi daquela cando en 20015 o templo volveu reabrir, cunha restauración parcial que implicaba agardar a que elementos como os muros expulsaran de xeito natural a humidade. O templo entregárase baleiro, recuperado e con obras de carpintería de estética minimalista. Mais sen rastro do retablo do altar maior. Foi daquela cando os devotos da localidade esixíronlle ó arcebispado é a Xunta unha restauración que devolvera ó Santuario a monumentalidade de tempos.

Detalle do retablo da Virxe da Barca / foto HdG

A pesares da polémica non conseguiron que fora así. Porén as administracións víronse na necesidade de contentar á xente da vila ó mesmo tempo que evitar novos enfrontamentos pola nova estética do templo. A solución, non foi a construción dun novo retablo, nin crear novos elementos que substituíran a estrutura desaparecida. A solución foi, porén, máis sinxela, pegar na parede do templo unha gran foto a escala 1:1 do antigo retablo a través dun vinilo.

Unha idea de promoción privada

Mais non foi unha idea nin do Arcebispado nin de ningunha administración, senón do avogado Manuel Martín que obtivo o visto e prace da Igrexa. Despois de barallarse diversas opcións, ningunha delas a recuperación dun novo retablo polo de agora, optouse por reproducir directamente a través dunha fotografía de Xesús Búa o antigo retablo a través dun vinilo. A empresa encargada do proxecto foi a viguesa Cdec. Martín tamén foi o mecenas da recuperación de moitas imaxes do templo a través do artesán compostelán Manuel Tesedoiro.

Así, hoxe, cinco anos despois do desastre da Virxe da Barca, un dos grandes referentes do patrimonio, do turismo e da devoción popular de Galicia sigue lucindo un vinilo no canto dunha estrutura real. Non hai noticias dunha nova intervención por parte nin do Arcebispado nin da Xunta e nin sequera hai novas de posibles proxectos para o templo ou un consenso sobre a estética a seguir. Xa sen os seus característicos exvotos -eses barcos a escala que o enchían todo- e cunha fotografía por retablo maior a Virxe da Barca segue a agardar tempos mellores.

Santuario da Virxe da Barca en Muxía / foto HdG

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...