Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

Publicado un libro sobre as embarcacións mediterraneas debuxadas nas pedras de Oia

A Asociación Costa dos Castros editou un caderno divulgativo sobre os petróglifos da contorna do río Vilar, na parroquia oiense de Pedornes, para dar a coñecer a singularidade e valor patrimonial dos gravados existentes nesta zona. Entre eles destacan tres que representan figuras de embarcacións, as únicas claramente definidas dos petróglifos galaicos con características que apuntan a modelos mediterráneos.

Cun marcado ton divulgativo, esta publicación quere dar a coñecer o valioso patrimonio arqueolóxico que existe na zona e, paralelamente, concienciar sobre a importancia da súa conservación.

No caderno faise unha descrición do lugar, un repaso pola historia dos principais achados arqueolóxicos na zona e, finalmente, se detalla o caso concreto dos petróglifos das embarcacións, coñecidos como Auga dos Cebros 1, Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

Diversas fotografías, ilustracións, un mapa e unha ficha con información básica e de utilidade para visitar a zona complementan a información textual do caderno.

A publicación realízase coa colaboración da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua), a través das axudas para dinamización da lingua. Os exemplares impresos distribuiranse polos centros escolares de Oia e na Oficina de Turismo.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: