Santa Trega / foto captura do vídeo promocional, Rías Baixas

Foi o neolítico galego a verdadeira ponte entre o Mediterráneo e o Atlántico?

Tempo de lectura: 3 min.

O noroeste da Península Ibérica é unha das zonas de Europa con maior densidade de xacementos arqueolóxicos, un dos espazos máis poboados ó longo da historia, e un dos lugares de maior concentración e riqueza material dende a Idade do Bronce. Eran os Galaicos -como así chamaban de xeito xenérico ós romanos ós pobos do noroeste- unha cultura que funcionou verdadeiramente de ponte entre o mundo mediterráneo e o mundo atlántico?

Parece ser que si. Foron eles, os Galaicos, un pobo entre dous mundos. Ou así é alomenos a conclusión que sacaron arqueólogas e arqueólogos que traballaron en diversas escavacións da provincia de Pontevedra, como Rafael Rodríguez, Antoni Nicolau, Xurxo Ayán, Diego Piay e Mª Luisa Castro. Tamén é o título que a Deputación de Pontevedra  lle deu a unha exposición e un libro nos que se recolle o traballo nos últimos anos deste grupo de profesionais.

Xacemento da Lanzada / foto captura do vídeo promocional, Rías Baixas

Unha exposición

Galicia “foi fundamental na navegación atlántica” e estivo sempre moi ben conectada cos centros de poder tanto do Mediterráneo como do Atlántico Europeo. “Galicia ten algunhas das arquitecturas da Idade de Ferro máis espectaculares de Europa” e foi “bisagra”, de feito, “entre o mundo mediterráneo e o mundo atlántico”. A pesares de que os romanos vían ós Galaicos como un pobo atrasado ou bárbaro, a arqueoloxía estanos a desvelar que as culturas da Idade de Ferro da nosa rexión foron das máis “orixinais e creativas do occidente de Europa”.

E é que así de claro o deixaron os expertos que traballaron nestes xacementos. As súas conclusións pódense atopar na exposición, impulsada pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas. A exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” está a percorrer, dende outubro de 2018, diversos museos españois como o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Arqueolóxico de Valencia ou o propio Museo de Pontevedra.

 

A exposición foi unha aproximación ó papel desta terra durante un período de máis de mil anos, o comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 a. n. e.) e o século VI. Nela se poden ver máis de 65 pezas e diverso material divulgativo da man directa dos profesionais que traballaron nas escavacións. Son máis de 20 séculos de historia de Galicia, dende o neolítico ata o primeiro cristianismo a través de 20 emblemáticos xacementos localizados na provincia de Pontevedra.

E un libro

Pola súa parte o libro homónimo Galaicos, un pobo entre dous mundos, ofrece un amplo e atractivo despregue gráfico, que inclúe 160 impactantes fotografías e ilustracións, con perspectivas aéreas nunca antes vistas, obtidas por medio de drons, con textos e fichas elaboradas polas arqueólogas e arqueólogos que traballaron nas escavacións. Eles lévannos a coñecer, de primeira man e de xeito didáctico, a enorme riqueza deste patrimonio cultural único.

Un dos xacementos da mostra / foto captura Rías Baixas

A guía inclúe un percorrido polos xacementos de A Cabeciña, Penalba, Santa Trega, A Lanzada, Monte do Facho, Monte do Castro, Alobre, Castrolandín ou Adro Vello, entre moitos outros. Nel apórtanse os resultados das máis recentes investigacións, que sitúan á Galicia da prehistoria como ponte entre dous mundos.

O libro foi presentado o pasado xoves día 28 de febreiro na recén estreada Casa dos Alonsos da Guarda. O acto contou coas intervencións de Montserrat Magallanes, Deputada Provincial; Quique Alvarellos, editor; Rafael Rodríguez, Comisario da Exposición; Xavier Crespo, Concelleiro de Patrimonio; Xurxo Ayán, arqueólogo e colaborador no libro e Antonio Lomba, Alcalde da Guarda.

Portada do libro Galaicos, un pobo entre dous mundos / foto Ed. Alvarellos

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: