fbpx
Atentado contra os petróglifos de Conxo / A Rula

Novo atentado patrimonial nuns dos petróglifos con representación de armas máis importantes de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Colectivo A Rula

A primeira hora do pasado mércores 15 de maio recibimos unhas fotografías de varios gravados do Castriño de Conxo danados, algúns completamente riscados.

Non tardamos en achegarnos ata alí para facer unha primeira análise dos danos. A primeira vista observamos graves alteracións na pátina de catro figuras situadas no panel inferior da laxe, tres puñais e un escutiforme. Despois de observar detidamente as alteracións producidas observamos que empregaron algún elemento duro, posiblemente unha pedra, para riscar os motivos e, en varias figuras, tamén empregaron o mesmo elemento, ou outro similar, para remarcar o espazo entre os sucos. Como consecuencia da abrasión produciuse unha perda importante da pátina destas insculturas danando tamén as superficies internas das figuras. Nalgúns puntos concretos incluso observamos a perda de superficie pétrea.

Estamos ante unha agresión moi grave. Se tivésemos que escoller unha estación de arte rupestre para representar o conxunto das máis de 3500 pedras labradas na nosa prehistoria e espalladas por todo o territorio do país, a do Castriño de Conxo a ben seguro sería unha das principais candidatas. Se isto acontece nunha laxe tan emblemática e representativa do Grupo Galaico da Arte Rupestre imaxinade a situación na que se atopan a maioría destas manifestacións culturais que constitúen elementos fundamentais de calquera estudo que aborde a nosa Prehistoria.

Dende a súa descuberta, polos irrepetibles Ramón Sobrino Buhígas e o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza nos anos 30 do século pasado, a peneda da Cantaleta non ten deixado de proporcionarnos coñecementos fundamentais para o estudo da arte rupestre galaica e mesmo para o conxunto da Europa Atlántica.

Por desgraza, o  abandono que ten sufrido inmerecidamente todos estes anos, (reflexo do que acontece en xeral con estas manifestacións culturais) contribúe a “facilitar” estes actos incívicos e reprobables. O desleixo fomenta o vandalismo e as malas novas repítense a cotío.

Certo é, que os “vándalos” tamén atentan contra  elementos patrimoniais ben atendidos e coidados,  lembramos as recentes pintadas en varios elementos da Catedral, mais a resposta ós feitos foi, como corresponde, un rexeitamento social unánime e a rápida intervención das administracións competentes encamiñada a recuperar o danado.

III-II milenio

Os petróglifos gposúen unha especial relevancia en canto as representacións de armas, vinculadas aos modelos británicos datables ao redor do III-II milenio a.C. Tamén se aprecian deseños triangulares (algún raiado) que algúns autores interpretan como ídolos antropomorfos, outros como machados de dobre anel ou escudos triangulares.

Pódense observar claramente figuras como un puñal con dobre nervadura, dúas espadas enfrontadas pola empuñadura e unha terceira máis á dereita; tamén ata catro posibles, simplificadas, alabardas (de representación moi pouco usual nas nosas terras), arma de orixe centroeuropea, e outros trazos diversos moi erosionados, posibles restos doutras armas representadas.

Sensibilización

Agardemos que polo menos esta desafortunada acción vandálica no petróglifo de Conxo sirva para sensibilizar ós nosos políticos e a cidadanía en xeral da urxente e necesaria actuación nesta área arqueoloxica, e que se faga coa mesma dilixencia que nos desafortunados “incidentes” na Catedral. Ambos elementos son pezas claves para preservar a nosa identidade, emblemas da nosa herdanza cultural e da nosa galeguidade. Son bens imprescindibles e insubstituíbles para a mellor comprensión do noso feito diferencial e merecen, por tanto, o mesmo tratamento.

Os continuos lumes devoran petróglifos que nin tan sequera chegamos a coñecer pero, para unha asociación como a nosa, os danos producidos polos “visitantes” son as máis dolorosas, pois contra iso debería haber remedio. Seguiremos tentando concienciar a cidadanía na importancia de preservar e valorizar este patrimonio. Non desistiremos no noso labor, e seguiremos coas visitas, coas exposicións, coas charlas nos coles… pois está claro que non podemos valorar o que descoñecemos. É o único xeito de acadar esa simbiose entre o patrimonio e a cidadanía que desexamos.

 

Xa se presentou a correspondente denuncia formal no Servizo de Vixilancia e Inspección de Patrimonio Cultural da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ao mesmo tempo, no mesmo día que tivemos coñecemento dos feitos, contactamos con Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á vivenda, Mobilidade e Relacións veciñais do Concello de Santiago. que nos indicou a súa intención de desprazarse ata o lugar na maior brevidade para, a continuación, proceder a tomar as medidas pertinentes. No día de hoxe achegouse ata o xacemento xunto coa responsable do Servizo de arqueoloxía do concello. Esperamos que fagan o necesario para minimizar os danos e que isto non volva a suceder.

Pode que che interese...