fbpx
Imaxe aérea do Castro de Elviña, na Coruña / coruna.gal

Recuperar e divulgar dixitalmente o patrimonio arqueolóxico con mozas e mozos desempregados?

Tempo de lectura: 2 min.

“Rede Virtual de Xacementos Arqueolóxicos”, este é o novo obradoiro que o Concello da Coruña impartirá co obxectivo de darlle emprego e formación a 16 desempregados da cidade e de Culleredo. Trátase dun proxecto presentado de maneira conxunta por ambos consistorios e que está dirixido á persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e teñen menos de 30 anos.

As persoas terán un contrato de formación e emprego durante doce meses e encargaranse da musealización dixital dos xacementos arqueolóxicos da cidade co fin de poñer en valor o descuberto nas distintas escavacións arqueolóxicas realizadas até o de agora. Os participantes desenvolverán labores de dixitalización 3D mediante fotogrametría de bens do Patrimonio cultural do Concello da Coruña e elaborarán programas culturais e o contido da Rede Virtual do Patrimonio Cultural da Coruña.

O proxecto ten xa luz verde da Concellería de Emprego e Igualdade. A axuda do Goberno autonómico para o obradoiro sería de 369.000 euros, aos haberá que lles sumar 25.000 euros achegados polo Concello da Coruña.

Alxive do castro de Elviña / foto turismo.gal

Promover o uso das aplicacións TIC no patrimonio

Pois dende a área de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello tense por obxectivo promocionar os recursos arqueolóxicos e patrimoniais da Coruña a través da aplicación das TIC. Tamén que así o persoal contratado estea en condicións de se incorporar ao mercado laboral para ocupar postos de traballo vencellados coa imaxe, a edición dixital, a dixitalización patrimonial e a programación e desenvolvemento de actividades culturais.

Agárdase que a cotratación serva para mellorar as súas condicións de empregabilidade, ó se especializaren en materias como produción fotográfica e dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. No obradoiro, dixitalizarán os bens patrimoniais da cidade, elaborarán programacións culturais e dotarán todo ese conxunto dun discurso museográfico, entre outras cuestións.

Na presentación do proxecto a última semana de xuño a alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para promover o emprego entre a xente máis nova. Segundo ela, “o Goberno local durante a crise sanitaria non só tomou medidas para protexer o emprego que xa existe, senón que tamén traballamos na integración laboral con programas como este obradoiro”.

Pode que che interese...