fbpx

A Santa Compaña, segundo Camilo Díaz Baliño

Tempo de lectura: 8 min.

A Santa Compaña foi un dos temas favoritos de Camilo Díaz Baliño. Foi el quen, como artista, deu unha imaxe definitiva a un dos grandes elementos da cultura galega: a existencia mais alá do aspecto mortal.

En 1919 pintou o que foi o seu primeiro cadro con este tema. En moitos aspectos trátase dunha imaxe icónica a partir da cal moitos artistas galegos sentíronse inspirados. Na súa obra o artista sitúa os ollos na atmósfera da noite. A luz da lúa ilumina as inmaculadas túnicas da Santa Compaña, so comparables a brancura dos seus corpos. Non se trata dunha imaxe terrorífica, hiperbolicamente gráfica. Como moitos creadores románticos, nados no século XIX, prefire antes suxerir que mostrar. É consciente do poder da imaxinación, e por iso concentra a visión en aspectos que incentivan a atmósfera.

A Santa Compaña. 1919. Camilo Díaz Baliño. Técnica: Acuarela sobre papel. Medidas: 23 x 27 cm. Colección privada.

As árbores, coa súa cerna medrada e as súas polas entrelazadas, serven para enmarcar a visión. O cruceiro está situado no centro, marcando un punto central que serve para acentuar un sentido do ritmo. Ao fin e o cabo, trátase dunha procesión maxestosa onde os espíritos camiñan pola faz da Terra. Non buscan atemorizar, nin horrorizar, espantar ou facer morrer de terror a aqueles que pasan a noite nas campías ou nos fogares entre as montañas. Seguen o seu camiño portando unhas magníficas velas de cera prendidas e, ao seguir a vista, vese como no final levan consigo un cadaleito de madeira castaña con remates dourados. A comitiva pecha con dúas figuras superiores, vestidas coa magnificencia que corresponde ao seu rango: as casulas de veludo negro están bordadas con fío de ouro, arrastradas polo chan con suntuosidade. Un deles, como tamén outro espírito da Santa Compaña, xira o seu rostro para mirarnos. Pero a súa expresión é tranquila e calma. O xesto fai presente que son conscientes de que existen persoas mirando para eles, pero non queren tampouco que se lles moleste. Están aquí para dar unha noticia, con tempo, aos que todavía están no outro lado da Vida. E como tal, proceden en compañía.

Díaz Baliño non tivo precedentes artísticos galegos para a concepción desta imaxe. Non polo menos dentro da arte galega. Si que é certo que, desde finais do século XVIII, o Romanticismo trouxo consigo un desexo de plasmar figuras, mitos, contos e lendas que formaban parte da cultura popular. Tais relatos e personaxes foran transmitidos de xeración en xeración, sumando distintas dimensións co paso do tempo. Pero que formaran parte da cultura popular non significaba que non tiveran unha significación, porque implicaba un estilo de vida cunha raiceira que se remontaba a séculos atrás. En toda Europa co Romanticismo comezou a exploración, a documentación e a materialización dunha faceta humana que quedara ausente durante moitos anos. E esta obra de Díaz Baliño non é unha excepción ao caso. De feito dado o tema pode considerarse o froito das publicacións feitas por Manuel Murguía. Isto é o que o historiador escribíu o propósito da Santa Compaña no seu libro Galicia (1888):

Es anunciar la muerte, con un año de anticipación, a aquel á quien le hueste visita. Cuando su fin está próximo, las visitas menudean.

Queda dicho que esta creencia es general, y que se presentan numerosas variantes. Si se recogiesen todas, se conocerían mejor esta curiosa superstición, pues apenas hay una que no contenga un rasgo especial e interesante para el caso. Entre los más curiosos, ponemos uno importante y que ni siquiera se halla indicado en las demás tradiciones de la Compaña, y es que en la de Orense se asegura que estas procesiones no se hacen tan solo por la noche, si no que en ocasiones (aunque extraordinarias) salen también por el día, peso sólo a las doce.

Murguía completou a  súa caracterización apuntando que…

Tiene su leyenda más o menos complicada, y son por lo tanto numerosas las variantes, sin que por eso dejen de convenir en lo esencial. Igual en el fondo y hasta en los detalles á las de igual índole en Francia, nuestra Compaña equivale á la mesnie, asi como la estadea, á la hoste. No falta nunca el guía ó predecesor, en Bergantiños, el carnero negro (¿personificación del diablo?) y en Orense, al primer caminante que encuentran y al cual obligan á marchar á la cabeza de la infernal compañía.

Retrato fotográfico de Camilo Díaz Baliño. 1922. Ksado. Legado de Isaac Díaz Pardo. Gaiás – Cidade da Cultura, Santiago de Compostela.

Murguía aínda vivía cando Díaz Baliño pintou este cadro. O seu foi un feito paralelo ao que se viña experimentando en Europa, onde numerosos pintores e escultores plasmaron os relatos e lendas populares de forma paralela as publicacións que viñan saíndo por parte de etnógrafos, historiadores ou literatos interesados nese ámbito. Mais, cando se decidiu a facelo, Díaz Baliño puxo a obra definitiva que lle valeu converterse no artista galego da fantasía, da épica e do terror por excelencia. Tanto foi así que Euxenio Carré en 1919 adicoulle este poema:

¿Por qué te ris se me miras?

¡Pintor de trasgos e meigas!

¡Pintor que os cregos en solfa,

coengos e frades leva

con druídas mesturados

nas pinturas da paela;

e que busca os seus colores

polas criptas das igresias…!

¡Pintor de pazos mentidos!

¡Pintor de panos de escena!

¡Pintor de nobres escudos

Que son pregós de fachenda!

¿Por qué te ris se me miras?

¡Pintor da Morte e das Tebras!

¿Qué pensamentos agachas

no fondo da tua conciencia?

A Santa Compaña apareceu nun momento no cal as historias sobre o Mais Alá e os múltiples planos existenciais comezaban a florecer nas artes. Unha das mais fértiles foi a cinematografía -(cómo esquecer filmes como A carroza pantasma (1921) do pai do cinema sueco Victor Sjöström?)-. A outra foi a literatura. E dada a data na cal foi executada a obra, o seu espírito é similar a dun libro publicado nese mesmo ano: Do caso que ll´aconteceu ô Dr. Alveiros, escrita por Vicente Risco. Esqueletes que viven tranquilamente en pisos, falan e comen con visitantes mortais, viaxan en tren ao Trasmundo, celebran festas, bailan e rematan cunha Danza Macabra cos vivos nunha absoluta celebración eufórica da alegría de vivir definen esta obra chea de encanto e colorido, no cal o autor non deixa de salpicar apuntes estudados do Libro dos Mortos, os procedementos budistas ou a Teosofía. Non falta tampouco un aspecto visionario como é que, publicada en 1919, anticipaba o descubrimento de Howard Carter da Tumba de Tutankamon no Val dos Reis en Exipto en 1922. Algo que a súa vez serviría a novelistas como Agatha Christie, quen empregaría este tema como a súa obra A aventura da Tumba exipcia (1924). Logo tal tema tería a súa primeira concepción cinematográfica en A Momia (1932), personificada polo grandísimo Boris Karloff. Como pode verse tal cuestión serviu para estimular a mente dos grandes creadores dos anos 20 e 30, dando mostras do seu xenio e poder artístico.

A Santa Compaña. 1920. Camilo Díaz Baliño. Legado de Isaac Díaz Pardo. Gaiás – Cidade da Cultura, Santiago de Compostela.

Díaz Baliño cultivou amplamente o tema da Santa Compaña. Se a primeira aparición deste tema na súa produción foi en forma de cadro, logo viuse plasmada en forma de ilustracións e mesmo escenografías. As ilustracións mais antigas están datadas de forma case inmediata a esta obra. En 1920 o artista fixo unha versión na cal os esqueletes marchan un tras outro, camiñando cada un deles cunha vela da cal flotan volutas de fume. Tal efecto aparece tan acumulado que as ondas perfectas súmanse entre si ata formar unha nube de ondas. Catro esqueletes levan consigo un cadaleito, de onde sobresaen os zapatos da persoa metida nel. O esquelete que vai diante do grupo e que o pecha olla para o espectador. Os seus cranios emerxen de entre as pesadas túnicas negras. Vista en conxunto ofrece unha impresión, unha tetricamente bela.

Ilustración I (A Santa Compaña). Circa 1920-1923. Camilo Díaz Baliño. Legado de Isaac Díaz Pardo. Gaiás – Cidade da Cultura, Santiago de Compostela.

As seguintes versións que fixo resultan interesantes porque a Santa Compaña aparece interpretada, ben cunha sensibilidade lírica ou baixo o prisma do Humorismo. No conxunto das tres ilustracións deseñadas arredor do tema, a dirixida a representación da Santa Compaña está ideada cun formato horizontal, similar a un sarcófago ou tumba medieval. Os esqueletes son visibles a partir dos seus cranios limpos e as velas. Pero neste caso camiñan pasando baixo unha árbores frondosas, acompañados de grandes aves negras que estenden as súas ás cubrindo o ceo. A segunda “tumba” que acompaña a esta primeira, representa o remate dunha igrexa. As campás móvense soando ao unísono e, para completar o simbolismo, o remate da edificación está ornamentado cun obelisco exipcio. A imaxe resulta aínda mais poética polas bolboretas que voan arredor das campás, véndose ao lonxe as estrelas que converten o ceo nocturno nunha campía de flores luminosas.

Ilustración II (Bolboretas). Circa 1920-1923. Camilo Díaz Baliño. Legado de Isaac Díaz Pardo. Gaiás – Cidade da Cultura, Santiago de Compostela.

O terceiro sarcófago está embelecido coa imaxe da Morte como a Emperatriz do Mundo. Os humildes á esquerda e os poderosos á dereita inclínanse ante ela, encarnada nun titánico cranio cun monte como corpo. A súa man, de osos descubertos, sostén a xigantesca espada como o báculo que lle corresponde como soberana. Poucas imaxes na arte galega poderían ter reunido tal épica, expresando ao mesmo tempo misterio, teatralidade, drama e solemnidade resoante.

Ilustración III (A Morte). Circa 1920-1923. Camilo Díaz Baliño. Legado de Isaac Díaz Pardo. Gaiás – Cidade da Cultura, Santiago de Compostela.

O Humorismo aparece vinculada á Santa Compaña no cartaz que Díaz Baliño realiza para Sancho, a empresa de automóbiles de Vigo. Para esta empresa o artista situou un dos seus coches estrela nunha estrada entre piñeiros. Dado que transita de noite, o coche pon as luces largas de maneira que poida ver. A súa luz non so mostra o camiño senón tamén a aparición da Santa Compaña, xusto no intre no que sae da terra. Os esqueletes aparecen neste caso para admirar o espléndido coche que sae ao seu paso. Aquí o creador fixo gala dun enorme sentido do Humorismo, similar ao que tiña Risco. O esteta dixo unha verbas que ben poden definir este cartaz: “o Humorismo é a cousa mais seria do mundo”.

Cartaz para concesionarios Sancho. 1922. Camilo Díaz Baliño. Colección privada.

A persoa que completa este círculo é Castelao. A súa obra (escrita e artística) Un ollo de vidro – Memorias dun esquelete (1922) apareceu nos mesmos anos nos que Díaz Baliño e Risco estaban a dar pulo as obras citadas. Castelao ven a sumar as influencias dos seus coetáneos, facéndose visible por exemplo na forma de concibir os esqueletes e a propia historia. A estas influencias aporta o seu propio talento creativo, realizando ilustracións dun claro aspecto expresionista que ben poden retomar a as imaxes de Hamlet pintadas por artistas do século XIX como Delacroix ou Danza Macabra de Holbein.

De esquerda a dereita: Capa de Un ollo de vidro para Céltiga. 1922. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Da súa autoría son igualmente as ilustracións interiores, como a das dúas ilustracións dos esqueletes seguintes.

A representación actual da Santa Compaña, tal como está pensada (síntese de ilustración, humorismo, reflexión e imaxe pública) como pode verse tivo un longo percorrido. Pero é que os países para ser países precisan cultura, para ter cultura precisan tradición e a tradición ven co tempo. Así pode dicirse que este imaxinario é representativo polo que ten dun espirito apaixoado, carismático e audaz forxado da Historia.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...