fbpx
Castro de Saceda, en Cualedro / https://castrosaceda.wordpress.com/

(Vídeo) Así é Saceda, o castro de monumentais murallas que só gardaba gran e obxectos rituais

Tempo de lectura: 2 min.

O castro da Saceda está situado na parroquia de Lucenza (Cualedro) cun cinto de murallas case único na provincia e Ourense pola súa monumentalidade. Ademais, é un castro escasamente romanizado que foi declarado Ben de Interese Cultural da provincia de Ourense no ano 2011.

Este poboado castrexo ten dúas fases moi definidas. Unha entre o sećulo V e II Antes de Cristo, e outra que vai desde o II A.C ata o cambio de era. son dúas etapas moi ben definidas. A primeira porque se sabe que o castro foi consumido por un voraz incendio cando a maior parte del estaba feito en madeira e a segunda porque se caracteriza polo reforzo das defensas e a construción de construcions internas en pedra.

Entre 1982 e 1988 producíronse varias campañas de escavacións, dirixidas por Antonio Rodríguez Colmenero. No ano 2015, foi estudado de novo por un equipo dirixido por Martiño Xosé Vázquez Mato e certificouse que a súa antigüidade máxima era do século -V. Chama a atención que no interior da croa atopouse moita cantidade de gran, polo que se pensa que era un lugar simbólico, mentres que as vivendas estaban no exterior.

Punta Palmela, unha doa oculada e un alfinete ou agulla atopado no interior do castro de Saceda / Xunta.gal

“Lugar ritual”

No Museo Provincial de Ourense atópase unha punta Palmela, unha doa oculada e un alfinete ou agulla, todos eles obxectos de prestixio recollidos no interior do castro. A existencia dunha gran cantidade deste tipo de obxectos e a súa forma de deposición poderían estar apuntando a “depósitos especiais de carácter ritual”. Son obxectos singulares, de difícil acceso e variada cronoloxía, sendo localizados todos eles ademais nun mesmo estrato e no contexto dun espazo simbólico concreto como é a porta de acceso ao poboado.

 

Pode que che interese...