fbpx
Imaxe do retorno de emigrantes / Consello da Cultura Galega

A emigración galega en imaxes: as fotografías que documentan unha parte da historia de Galicia

Tempo de lectura: < 1 min.

Sería imposible entender a actualidade contemporánea de Galicia sen ter presente o fenómeno migratorio. O novo especial do proxecto Historias de ida e volta realizado polo Consello de Cultura en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, recolle vinte imaxes e documentos para ilustrar a última etapa deste proceso: o retorno e as consecuencias que tivo para os emigrantes e para Galicia.

Entre as imaxes que ofrece a decimo cuarta entrega está a de tres complexos culturais destacados elaborados por emigrantes, tanto no estranxeiro como en Galicia. O primeiro deles é o Laboratorio de Formas, creado en Arxentina en 1963 para “recuperar memoria histórica co fin de construír o futuro de Galicia”.  O Laboratorio investigou sobre a orixe de Sargadelos, das fábrica de Cerámicas do Castro e do Seminario de-Estudos Galegos.

Outro dos proxectos que se amosan é o Parque do Pasatempo en Betanzos, un parque temático enciclopédico onde se recollía todo o saber que un emigrado betanceiro, Juan García Naveira, foi asimilando nas súas numerosas viaxes. Chegou a ter unha superficie de 90.000 m2 que integraba un orixinal conxunto de arquitectura, escultura, cerámica e xardíns con especies exóticas.

O especial tamén recolle o gran teatro de Vigo que toma o nome do verinés García Barbón que, tras emigrar a Cuba, converteuse nun banqueiro e empresario de éxito. Tamén participou no desenvolvemento urbanístico da cidade coa construción dun grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome.

O retorno tamén deixou a súa pegada na transformación do sistema de alimentación e paisaxe agrario galego polo que tamén se dedica un espazo a falar do millo, cereal que procede de América. Ademais, tamén consta de fotografías das casas con estética indianas e de cheques como mostra do envío de cartos dende o estranxeiro.

Pode que che interese...