fbpx
San Martiño de Mondoñedo foi a primeira catedral de España / romanicoaragones.com

Poñen en valor a catedral máis antiga de España

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta investirá 200.000 euros nun centro de interpretación da Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, en Foz (Lugo).

O templo prerrománico de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, está considerada como a catedral máis antiga de España, xa que no século IX foi sé de dous bispados do Reino de Galicia, un trasladado desde Dumio, no distrito de Braga (Portugal), e outro trasladado desde Bretoña, na provincia de Lugo.

O edificio actual é románico de finais do século XI e os contrafortes son obra do século XVIII. Desde o ano 1931 está catalogada como BIC e no 2007 obtivo a categoría de basílica. E, agora, pretende recuperar parte do seu pasado esplendoroso.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinou este luns o acordo de colaboración co alcalde, Javier Jorge Castiñeira, e o vicario xeral da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Rodríguez Basanta. O obxectivo é ampliar o coñecemento sobre este conxunto monumental e de achegalo ao público en xeral.

En virtude desta colaboración, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural colaborará co financiamento do deseño do proxecto e na montaxe de recursos expositivos para afondar no coñecemento da que é a catedral católica máis antiga de España que se conserva en pé. O novo espazo cultural situarase na antiga casa rectoral.

Oficio relixioso en San Martiño de Mondoñedo / mondonedo ferrol.org

Oficio relixioso en San Martiño de Mondoñedo / mondonedo ferrol.org

Pola súa banda, o concello asumirá a xestión do centro e os custos derivados da súa apertura pública, incorporando os espazos e recursos deste á oferta de visita pública.

O compromiso da diocese e da parroquia de San Martiño de Mondoñedo baséase na cesión do uso dos espazos acondicionados para o centro, así como das pezas mobles que formarán parte da colección.

Tras a sinatura deste acordo, o seguinte paso é a redacción do documento técnico onde quedarán definidos tanto o deseño expositivo como o contido e o deseño museográfico do futuro centro. A continuación, a consellería procederá a licitar os traballos de montaxe de cara a que o centro estea en funcionamento, equipado e preparado, no verán de 2017.

Pode que che interese...