A presión turística ameaza a illa dos mortos da Arousa
O illote do Areoso sofre unha forte presión humana durante o verán. A asociación Pandulleiros solicita un plan estratéxico que evite o espolio.
A Illa do Guidoiro Areoso é un illote situado no interior da Ría de Arousa a 1,4 quilómetros ao oeste da Illa de Arousa que apenas ten 600 m de longo de norte a sur por 200 m no seu punto máis largo e só acada 9 m sobre o nivel do mar no seu punto máis alto.
Un pequeno espazo que está inzado de restos arqueolóxicos. Os estudos indican que hai restos desde o 5000 a. C. e durante todo o neolítico, coa presenza de tumbas megalíticas. Daquela, o nivel do mar estaría estabilizado entre 5 e 7 m baixo o nivel actual. Con esta situación, a actual illa de Arousa formaría nesta época parte dunha gran península unida ao continente, península da que tamén formarían parte o propio Guidoiro Areoso e outros illotes máis pequenos como o Corveiro ou Guidoiro Pedregoso.
O mar permaneceu estable ata comezos da Idade do Bronce, cara ao 2200-2000 a. C., cando comezou a subir de forma progresiva ata situarse 1.000 anos despois entre 1 e 2 m baixo a cota actual. Seguramente durante esta subida foi cando Guidoiro quedou convertido nunha illa, de aí que non se coñezan ocupacións humanas posteriores ao Bronce.
Nos últimos anos o illote sufriu un importante proceso de alteración das superficies areosas, como corresponde ao seu ambiente dunar. A duna norte reduciuse considerablemente en altura e extensión, mentres que nas praias desapareceu case un metro de area só nos últimos seis anos. Como consecuencia desta situación, outros sitios arqueolóxicos saíron á luz.
Actualmente, coñécense un total de cinco estruturas megalíticas, e abundante material arqueolóxico do neolítico final e de comezos da Idade do Bronce se esparexe pola zona intermareal. Máis, a pesar da acción do mar, o turismo indiscriminado e o espolio dos bens está poñendo en serio perigo os restos arqueolóxicos do illote.
Medidas de protección
Por iso, o colectivo Pandulleiros piden que se tomen as medidas oportunas para protexelo. A climatoloxía pero, sobre todo, a man do home contribúen ao seu esmorecemento. “Se vides aquí no verán, veredes a cantidade de barcos que hai. E non se respecta nada. As autoridades teñen isto deixado da man de Deus. Eu non digo que haxa que multar a xente, pero si que se informe. Informar a xente é moi importante”, explica Pablo Iglesias.
Informar, por exemplo, de que non se pode acceder coas embarcacións ao illote, de aí a presenza de boias. Ou de que as dunas están valadas para evitar, dunha banda, que sigan perdendo area a ritmo vertixinoso e doutra, porque sospeitan que debaixo poden agocharse máis restos arqueolóxicos. Como esta mámoa, protexida por Patrimonio. Non sucede o mesmo con estoutras pezas, restos dun muíño milenario e dun segundo monumento funerario rescatadas do paleosolo.
“Os galegos podemos ser moitas cousas, pero un pobo sen memoria histórica está condenado á mediocridade. Nós non somos mediocres, polo tanto temos que respectar o noso pasado, de onde procedemos. A nosa historia está aquí, soterrada”, engade nesta reportaxe da TVG.
Amais dun plan estratéxico que evite o expolio dos recursos marisqueiros dos que viven ducias de familias na zona, Pandulleiros reclama que se regulen as visitas ao illote, limitando o seu número, ou a posta en marcha dun Centro de Interpretación na Illa de Arousa onde se recollan todos os achados arqueolóxicos do Areoso e da súa contorna.