fbpx
Laudas de orixe sueva atopadas na Igrexa de Medeiros

Os segredos do cemiterio suevo de Medeiros

Tempo de lectura: 3 min.

O grupo GEAAT comeza os traballos de escavación nesta necrópole de Monterrei. O espazo será aberto ao público para que coñeza ‘in situ’ os traballos nun dos mellores xacementos arqueolóxicos de Galicia da época suevo-visigótica.

Pronto Galicia empezará a coñecer máis a fondo unha etapa especialmente escura da súa historia, a época suevo-visigótica. Será grazas aos traballos arqueolóxicos que acaban de comezar na necrópole de Medeiros. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo iniciou este venres o seu programa de intervención arqueolóxica nesta “cidade cemiterio”. Alí, un equipo de oito persoas traballará ata o día 23 na contorna da ermida de San Salvador das Rozas, no concello ourensá de Monterrei, co obxectivo de estudar e valorizar un dos mellores xacementos galegos e así poder afondar no coñecemento arqueohistórico da época suevo-visigótica, de transición entre a Antigüidade e o Medievo.

Inicio das escavacións na necrópole de Medeiros ( Monterrei) / Uvigo

Inicio das escavacións na necrópole de Medeiros ( Monterrei) / Uvigo

A dirección do proxecto corre a cargo de Fermín Pérez, profesor de Arqueoloxía da Facultade de Historia e investigador principal do grupo GEAAT, e a dirección da intervención é de Patricia Valle, investigadora da Universidade de Vigo que está a realizar a súa tese de doutoramento sobre as necrópoles galegas. As actuacións e traballos previstos dentro do proxecto consisten na documentación fotogramétrica dos sartegos e laudas, na escavación de sondaxes valorativas no adro da igrexa e na realización de actividades de difusión e dinamización cultural, informa a propia UVigo.

Con elas búscase incrementar o coñecemento arqueohistórico desta etapa e desta necrópole, descuberta en 1984 e da que só existe un artigo feito por Antonio Rodríguez Colmenero; conseguir datar e caracterizar as necrópoles deste período mediante a escavación arqueolóxica, a análise estratigráfica e o estudo de materiais, e a difusión dos resultados da intervención.

A primeira fase consiste no estudo, rexistro e documentación das pezas arqueolóxicas actualmente existentes no xacemento: cinco sartegos monolíticos, nove laudas decoradas (completas ou fragmentadas), catro fragmentos de tampas lisas e outros catro fragmentos de fustes graníticos. Os labores de conservación-restauración consistirán na limpeza das pezas, a consolidación de superficies onde sexa necesario e no pegado de pezas fragmentadas mediante pernos metálicos e resinas sintéticas. Tamén se procederá ao seu rexistro minucioso e exhaustivo mediante fotogrametría 3D para obter imaxes tridimensionais ultraprecisas.

Posteriormente, tamén se procederá ao estudo convencional das pezas (tipoloxía, motivos decorativos, epígrafes e material de soporte) na procura de coñecer a súa cronoloxía, significado simbólico, talleres de produción, etc.). Unha vez rematada a intervención, as pezas serán trasladadas á caseta tellada construída na banda norte da igrexa para a custodia e exhibición dos mesmos.

Cinco sondaxes

Laudas de orixe sueva atopadas na Igrexa de Medeiros

Laudas de orixe sueva atopadas na Igrexa de Medeiros

A escavación arqueolóxica consistirá en varias sondaxes valorativas no adro da igrexa. Segundo explicaron os responsables do proxecto, están previstas cinco sondaxes nunha superficie total de 33 metros cadrados escavados. A ubicación das mesmas, a carón da igrexa, ten como obxectivo valorar a relación das tumbas coas cimentacións visibles, pertencentes presumiblemente ao orixinario oratorio ou capela paleocristiana. En principio, sinalan os arqueólogos, non se prevé a extracción de ningunha estrutura inmoble (sartego ou tampa), que se rexistrarán e conservarán preferentemente in situ.

Logo, no laboratorio procederase ao estudo e interpretación de todos os datos obtidos. As sondaxes arqueolóxicas, unha vez rematadas, serán delimitadas e cubertas con xeotéxtil, procedéndose despois ao seu reenterramento coas terras procedentes da propia escavación, ata recuperar o nivel orixinario do terreo.

Actividades de difusión cultural

Complementariamente á realización do proxecto levaranse a cabo actividades de difusión e dinamización cultural. Coa política de “aberto por obras”, durante a intervención de campo haberá atención diaria e visita guiada gratuíta ao público visitante. Está prevista asemade unha visita guiada específica para os veciños de Medeiros durante o penúltimo día da intervención. Tamén haberá tres obradoiros didácticos para escolares da comarca. Por último, organizarase unha xornada monográfica divulgativa sobre o patrimonio arqueolóxico do Támega, destinada á presentación pública dos resultados das intervencións e proxectos arqueolóxicos acometidos.

A intervención de campo (documentación fotogramétrica e sondaxes arqueolóxicas) terá unha duración estimada de dúas semanas, do venres 10 de xuño ao xoves 23 de xuño de 2016. As actividades de difusión e dinamización cultural, o estudo de estruturas e materiais e a elaboración de informes e memorias da intervención durarán ata maio de 2017, data de remate do proxecto. O persoal da Universidade de Vigo que participa no proxecto está constituído, ademais por Fermín Pérez e Patricia Valle, por tres bolseiros de investigación/colaboración contratados con cargo ao proxecto, dous arqueólogos e unha conservadora-restauradora.

Pode que che interese...