fbpx
Detalle do conxunto rupestre do Pornedo / Monte Pituco

As máquinas desbrozadoras case arrasan unha estación de petróglifos no Monte Pituco

Tempo de lectura: 2 min.

“O conxunto nº1 do conxunto rupestre do Pornedo, un dos máis significativos do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, dos mellor conservados dende o punto de vista da visibilidade dos elementos representados, e dos máis valiosos da bisbarra do Morrazo, ‘sobreviviu’ de casualidade a unha grave neglixencia”. É a denuncia que fai a Asociación Monte Pituco logo dun desbroce que tivo lugar nese espazo natural.

Segundo denuncia esta entidade na súa web, os feitos tiveron lugar cando unha máquina desbrozadora, no marco dos traballos de adecentamento dunha pista forestal, estivo a piques de desfacer unha estación de petróglifos.

Desbroce realizado moi preto do conxunto rupestre do Pornedo / Monte Pituco

Desbroce realizado moi preto do conxunto rupestre do Pornedo / Monte Pituco

Eses traballos se fixeron sen a supervisión dun arqueólogo a pesar de que o conxunto rupestre do Pornedo está catalogado como Bens de Interese Cultural. De feito, Monte Pituco critica duramente á a Comunidade de Montes de San Xulián por desmarcase dos traballos de limpeza. Así, lembra, a Lei de Patrimonio esíxelle que, como titular dos terreos nos que se atopan estes Bens de Interese Cultural, deben encargarse da preservación dos petróglifos.

Por iso, decidiu poñer en coñecemento das autoridades de Patrimonio esta situación para que abran un expediente de investigación e diriman responsabilidades. Neste sentido, Monte Pituco apunta que non se pode ceder á presión dunha Comunidade de Montes que “pon entre a espada e a parede a unha modesta entidade veciñal que traballa a prol da defensa do monte, do seu patrimonio natural, cultural e paisaxístico, ‘so pena’ de non manter os seus compromisos de atención e mellora do legado histórico”.

Pode que che interese...