fbpx
Castelo de Monterrei / paradores.es

A Xunta defende o parador no Castelo de Monterrei pese a sentenza do TSXG

Tempo de lectura: 2 min.

“Seguimos pensando que o Parador de Monterrei é unha decisión correcta para o mantemento do Patrimonio de Galicia”. Con esta contundencia despachou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo unha recente sentenza do Tribunal Superiro de Xustiza de Galicia (TSXG) que, ás súa vez, ratificou a sentenza de decembro de 2015 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense que anulaba o acordo municipal no que se outorgaba licenza de obra á Axencia de Turismo de Galicia para executar os traballos de rehabilitación do castelo de Monterrei (Ourense) para o seu uso como parador.

Sen embargo, para Feijóo, o “único” que di esa sentenza é que “en vez de construír doce cuartos”, como estaba previsto no proxecto orixinal, “só se poden construír dez”. “Polo tanto, teremos que facer outros cuartos máis grandes ou unha sala máis grande”, bromeou o presidente da Xunta ao ser preguntado por esta cuestión por HdG na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Así, insistiu en defender a construción dese parador –a pesar de que hai outro a escasa distancia afectado por un ERE– porque cando el chegou á Xunta o Castelo de Monterrei “estaba moi deteriorado” e case abandonado.

Por iso, suliñou, as obras de restauración estiveron orientadas a que o edificio histórico siga sendo “patrimonio de todos os galegos” e que poida seguir sendo visitado case na súa totalidade “agás os cuartos, lóxicamente”. “Ese castelo neste momento está restaurado e, ademais, está na guía de mellor hotel de España e do mundo e, ademais, a rede hoteleira tamén é pública. É tan público antes como agora”, insistiu.

Fortaleza de Monterrei / turismo.gal

Fortaleza de Monterrei / turismo.gal

“Obras ilegais”

Sen embargo, a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei ten unha percepción moi diferente desa sentenza. Así, sinala que o TSXG desestimou o recurso de apelación presentado pola Axencia Galega de Turismo da Xunta e o Concello de Monterrei anulando a licenza de obra. “Isto implica que as obras de rehabilitación executadas son ilegais, carecen de cobertura e deben ser demolidas”, apunta.

Esta decisión do TSXG valida o fallo de 2015 no que se sinalaba o incumprimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Monterrei. Aínda que a sentenza non se pronunciaba sobre o uso turístico deste espazo monumental, determinaba que o acordo municipal “excede claramente” os parámetros de superficie máxima edificable permitida pola ordenanza, así como o número máximo de prazas hostaleiras.

Pode que che interese...