fbpx
Ara de Eiras o de Bantua, atopada moi preto de San Cibrao de Las

SOS para a única ara que se conserva de San Cibrao de Las

Tempo de lectura: 4 min.

Xabier Moure

Nos anos viente do pasado século, unha ara adicada ao deus indíxena Bandua foi levada para a Casa Grande de Eiras, situada nas inmendiacións da igrexa parroquial de Santa Uxía, no concello de San Amaro. Non existen datos que confirmen o lugar e a data da aparición da peza, mais crese que pode proceder do castro de San Cibrao de Las que se atopa non moi lonxe da aldea.

A ara foi dada a coñecer por Xaquín Lorenzo Fernández no ano 1968 en ‘Inscripciones romanas de Galicia IV, provincia de Orense’, onde acompaña unha foto feita a un baleirado de xeso que había no Museo de Ourense. No ano 1973 fala dela J. Carlos Rivas Fernández, nun traballo titulado Nuevas aras romanas orensanas, publicado no Boletín Auriense. En anos posteriores é citada, entre outros, por Pérez Outeiriño, Rodríguez Colmenero e Vidán Torreira.

A transcrición da epígrafe, moi desgastada en parte, non acada consenso entre os investigadores. Pero, polo de agora, non é o texto da ara o motivo que me leva a traela aquí.

Ara de Eiras o de Bantua, atopada moi preto de San Cibrao de Las

Ara de Eiras o de Bantua, atopada moi preto de San Cibrao de Las nunha foto de 2016

A historia da peza

Como sinalei máis arriba, a peza atópase no pazo de Eiras. Cando se localizaou actuaba como pé dunha mesa de pedra situada no xardín da casa. Nun momento non precisado, o taboleiro de pedra rectangular que apoiaba na ara foi retirado, quedando esta á intemperie.

No ano 2007, Felisindo González Iglesias puído ver e fotografar, co permiso do inquilino do pazo, a ara, fotos que colgou no seu blogue Arredor de Lambrica. No artigo xa advertía do grave risco que corría debido á súa desprotección, exposta á acción dos axentes meteorolóxicos.

Á morte, no 2009, da persoa que habitaba o pazo, don Alfredo Lima López, este púxose á venta e na actualidade está abandonado. Ese mesmo ano, no mes de outubro, Felisindo presentou un escrito no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia no que solicitaba, entre outras cousas, que se tomaran as medidas necesarias para evitar a deterioración ou incluso a desaparición da ara. A Xunta contestou ao seu escrito no mes de xuño de 2011, mais sen facer referencia á peza en cuestión.

Foi o 10 de outubro de 2016 cando volveu a soar a alarma por unha foto dese mesmo día que o ourensán Javier Torres colgou no seu muro de facebook. A peza xa non estaba de pé (tal como a atopara Felisindo), senón lixeiramente inclinada, con signos moi evidentes de degradación e en total estado de abandono.

Ara de Eiras ou de Bantua fotografada en 2007

Ara de Eiras ou de Bantua fotografada en 2007

Escritos a Patrimonio

Despois de falar con Javier e con Felisindo, decidín presentar senllos escritos ante o Servizo do Patrimonio Cultural en Ourense e o Concello de San Amaro para que se actúe con urxencia, solicitándolles que, ao amparo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no pasado mes de maio de 2016, se tomen as medidas necesarias para protexer a ara e que se inicien os trámites legais para trasladala ao centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las.

Artigos da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia 5/2016, do 4 de maio, citados nos escritos enviados a Patrimonio e ao Concello

Artigo 3.2: As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de:

a) Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.

b) Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados.

c) Comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.

Artigo 5.2: Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, está obrigada a cumprir os deberes establecidos nesta lei para a protección do patrimonio cultural de Galicia, así como a actuar coa dilixencia debida ao seu uso.

Artigo 5.3: Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, no cumprimento do previsto nesta lei, está lexitimada para actuar ante a Administración pública da Comunidade Autónoma en defensa do patrimonio Cultural de Galicia.

Artigo 32: As persoas propietarias, pusuidoras, arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente.

Artigo 50.1: É Causa de interese social para os efectos de expropiación o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural.

No relativo a este último artigo cómpre subliñar que a ara de Eiras non está catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), mais tendo en conta que é probable que proceda do castro de San Cibrao de Las, sobre este xa se iniciou o expediente para declaralo coa máxima protección legal, e co asentamento todos aqueles bens con el relacionados.

Como levamos denunciando hai moitos anos, a desprotección do patrimonio, nomeadamente o arqueolóxico, é total. As leis que se fan son, na maior parte dos casos, papel mollado. A desaparición e a apropiación de pezas por particulares é maior do que se cre, moitos dos achados non son comunicados, como marca a Lei, á Xunta de Galicia.

A primeira foto é da ara no ano 2007, a segunda do pasado 10 de outubro.

Pode que che interese...