fbpx
Membros dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares / Deputación de Lugo

A Deputación sinalizará o patrimonio cultural dos Ancares Lucenses

Tempo de lectura: 2 min.

O patrimonio histórico e cultural incluído na Reserva da Biosfera dos Ancares será sinalizada o vindeiro ano. Foi a primeira decisión que adoptou o titular provincial, Darío Campos Conde, tras presidir este martes en Cervantes a reunión dos órganos de xestión desta reserva. Trátase dunha iniciativa acordada na anterior reunión deste órgano o pasado mes de outubro, a proposta do colectivo Patrimonio dos Ancares, e que estará financiada na súa totalidade polo organismo provincial.

O proxecto de sinalización permitirá a posta en valor dos recursos patrimoniais dos municipios dos Ancares, aumentando a súa visibilidade e difusión. Así, no Concello de Becerreá sinalizaranse o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e de Cruzul. No que fai ao Concello de Cervantes, instalaranse indicadores na necrópole megalítica da Pena dos Mouros, nos petróglifos de Campa do Barreiro, no castro de Santa María, no Castelo de Doiras, no Pazo de Quindous e na igrexa de Donís. Finalmente, no Concello de Navia sinalizaranse a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra de Navia e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.

A sinalización efectuarase seguindo o manual de sinaléctica da Rede Española de Reservas da Biosfera e completarase coa realización de material divulgativo.

Máis actividades no 2017

Ademais do proxecto de sinalización, durante a reunión da Reserva da Biosfera tamén se presentou a programación de actividades para o primeiro trimestre de 2017. Trátase de accións de carácter gratuíto, dirixidas a todas as idades, coas que dar a coñecer a riqueza natural e as posibilidades económicas da zona (obradoiros, roteiros, xornadas sobre árbores froiteiras, apicultura, micoloxía e cursos para nenos, entre outros). Asemade, realizaranse actividades para os alumnos dos colexios da montaña, traballos de desbroza, recuperación de novas rutas de sendeirismo e ofrecerase asesoramento gratuíto para a creación ou reconversión de empresas na zona.

Pode que che interese...