fbpx
Un gran carballo cubrindo un herbal / fotococoparisienneCC0

Onde está o ser vivo máis antigo de Galicia e, se cadra, tamén de Europa?

Tempo de lectura: 3 min.

O ser vivo máis antigo de Galicia é unha árbore. En concreto é a Carballa da Rocha, un carballo común situado no concello de Rairiz de Veiga, na comarca da Limia. O carballo ten entre 8,5 e 11,5 metros de perímetro no seu tronco, e acada 34 metros de altura. A súa copa, que se bifurca ós 7 metros, dá sombra a unha superficie de máis de 615 metros cadrados.

Carballa da Rocha

Non existe ningún estudio que permita datar con exactitude a súa idade, pero a excepcional árbore tería como mínimo 835 anos. Isto sábese porque en 1984 o ciclón Hortensia derrubou unha das súas pólas que si puido datarse, dando como mínimo oito séculos de antigüidade. Por isto para os expertos o carballo ten moitos máis, para moitos arredor dos 1500.

A Carballa da Rocha forma parte da reserva da biosfera Área de Allariz, e convive nunha finca particular con outras árbores centenarias, no que queda dunha antiga carballeira que medraba nas beiras Lagoa de Antela. A árbore foi declarada o 1 de marzo do ano 2007 Monumento Natural e forma parte tamén, dende ese mesmo ano, do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Un país de grandes carballos

Isto fai desta árbore o ser vivo non microscópico máis lonxevo de Galicia. Mais pode ser que esta marca non a ostente en soidade. Pois hai moitos carballos, castiñeiros e teixos en Galicia que poderían ter unha antigüidade semellante, superior a varios séculos e incluso máis dun milenio. Dous exemplos poderían ser o castiñeiro de Pumariños, en Manzaneda ou o carballo de Santiago de Cereixo do que se di podería ser contemporáneo da parroquial románica xunto a que se atopa.

De feito, como xa contamos noutro artigo, moitos carballos foron fonte de devoción popular, mostra de relixiosidade fitolátrica, ou de culto ás árbores, dentro de contextos animistas de raíz precristiá. Ó longo da historia, ante a devoción popular, algúns deles, puideron ser sacralizados ou cristianizados coa construción dalgún santuario ou capela, quedando a dúbida de se foi antes a árbore devocional ou a construción.

Carballo de Vilar de Francos en Carballo / foto turismo.gal

Outras árbores europeas

Mais Europa está enchida de árbores senlleiras e algunhas puideron ser coetáneas de romanos, de fenicios ou incluso anteriores. Porén, en xeral a meirande parte delas atopan con similares problemas de datación, pois sen intervencións agresivas non se poden datar con aproximación. A Carballa da Rocha entraría dentro dentro deste selecto grupo das árbores máis antigas, aínda que, a falta de estudos, presumiblemente, non nos primeiros lugares.

En Andalucía por exemplo, na serra de Cazorla en Xaén, atopamos un teixo milenario, do que se di podería ter dous milenios. No sur de Italia no Parque Nacional Pollino atopamos un piñeiro dos balcáns de, polo menos, 1.230 anos acreditados con radiocarbono. En de Kaive, Letonia, atópase o carballo co tronco máis amplo, de Europa cunha circunferencia de 10,2 m, no seu punto menor. Mentres Fortingall, en Escocia, atopamos un teixo do que hai quen afirma podería remontarse incluso ó final da última glaciación.

Carballlo de Kaives / foto J. SedolsCCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...