fbpx
Torques de Burela, do Museo Provincial de Lugo / Galipedia

O gran torque de Burela, con case dous quilos de ouro, xa é propiedade do Museo de Lugo

Tempo de lectura: 3 min.

Ten 211 mm de diámetro e 65 mm de lonxitude dos remate e 1.812 gramos de ouro de boa calidade (23 quilates). Un peso moi por enriba do peso medio que adoitan ter os torques castrexos, uns 500 gramos, o que fan que este sexa o torque máis grande e de máis valor patrimonial e monetario de Galicia.

Trátase do torque de Burela, datado entre os séculos III e o II a. C., e atopado por casualidade por un agricultor da vila no ano 1945 no castro de Burela. Pertenceu á Colección Blanco-Cicerón, da que pasou á de Álvaro Gil Varela e de aí, cedida, ao Museo Provincial de Lugo.

E, desde este luns, é xa patrimonio público. O torque de Burela era, xunto coa onza de Fernando VI, as láminas áureas de Valiña e unha barriña de ouro, as últimas das 40 pezas da colección Álvaro Gil Varela que quedaban por pagar. Tras aboar a última cantidade pendente, 584.100 euros, toda a colección, declarada BIC, é agora propiedade do Museo Provincial de Lugo.

Famoso carneiro alado da colección Álvaro Gil e que está no Museo Provincial de Lugo

Sinatura

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o representante dos herdeiros de Álvaro Gil, Carlos López Gil, firmaron este luns a adquisición por parte do goberno provincial do último lote de catro pezas desta colección de ourivaría castrexa.

Respecto diso, o presidente da Deputación de Lugo celebrou que esta firma supoña un “feito histórico”. “Todos os lucenses están de noraboa porque a colección de Álvaro Gil, de ourivaría antiga, pasa a ser propiedade de todos”, destacou.

Este conxunto será custodiado polo museo provincial despois dun proceso que arrincou hai catro anos, tal e como xa se contou en Historia de Galicia, coas primeiras negociacións coa familia do filántropo sobre esta colección, que inclúe outra peza de gran importancia como é o ‘Carneiro Alado’.

Parte da colección Álvaro Gil, no Museo provincial de Lugo / Deputación de Lugo

Longas negociacións

O Goberno da Deputación alcanzou no ano 2014 un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil Varela para adquirir a colección completa de ourivaría antiga, en cinco lotes anuais, por un importe de 2,3 millóns de euros. Esta colección, composta por 40 pezas, foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección patrimonial segundo a lexislación autonómica vixente.

Lote 1, por valor de 6.000 euros, asinado no 2015, composto por 5 pezas: arracadas da Valiña, arracada de Burela, espiral de cabelo fragmentada, arame de ouro 1 e arame de ouro 2.

Lote 2, por valor de 568.500 euros, asinado no 2015, composto por 10 pezas: gargantela de Monte dos Mouros I e gargantela de Monte dos Mouros II, pulseira de Monte dos Mouros, barriña dobrada, fragmento de torques con barriña decorada e remate, torques fragmentado con varilla e remate decorados, torques Áureo da Recadieira I, torques de Melide, fragmento de torques da Valiña 1 e fragmento de torques con remate piriforme 1.

Lote 3, por valor 568.500 euros, asinado no 2016, composto por 6 pezas: torques áureo de Recadieira II, torques de prata da Recadieria, torques con retames en dobre escocia, torques de Viveiro, Carneiro Alado, fragmento de cravo de ouro.

Lote 4, por valor de 583.000 euros, asinado no 2017, composto por 15 pezas: fragmento de torques da Valiña II, fragmento de torques con remate piriforme II, fragmento de torques con remate piriforme III, torques de Cu do Castro, torques do Castro de Viladonga I, fragmento de torques de Centroña, contas de colar de Chaos do Barbanza, brazal de Urdiñeira, pulseira de Urdiñeira, brazais de Muimenta, barriña de ouro, pulseira da Terra de Melide, pulseira de Ourense, torques de Riotorto e pulseira-torque.

Lote 5, por valor de 584.100 euros, asinado este luns, composto por 4 pezas: torque de Burela, onza de Fernando VI, láminas áureas de Valiña, e barriña de ouro.

Pode que che interese...