fbpx
Títere / jcarnota0 CC0

Os outros entroidos de Galicia: Galos da Mezquita, Bonitas de Cartelle, Merdeiros de Vigo ou Mikaela de Buño

Tempo de lectura: 9 min.

Non son poucos nin moito menos homoxéneos os entroidos do noso país. A tradición popular e a cultura labrega, nuns días nos que a Igrexa Católica permitíalles certas licencias ó pobo, así como os recordos de tradicións relacionadas co abrente do ano, fixeron do noso territorio un lugar especialmente privilexiado no que a ricas tradicións se refire, nunha festa cargada de rexistros diferentes. Así, máis alá dos tradicionais entroidos ben coñecidos do chamado triángulo do entroido de Ourense, Laza, Verín e Xinzo de Limia, xunto coa propia capital, o noso país está pragado de tradicións moitas delas aínda descoñecidas para moitos.

E é que o entroido é un momento do ano no que, no corazón de inverno, se atopan tradicións de todo tipo, dende a cultura cristiá ó máis antergo paganismo, ás ansias de liberdade e as ganas de poñer do revés as normas impostas ó longo de todo o ano. O entroido en Galicia é un tempo cheo de seres populares, de personaxes da mitoloxía tradicional, que enchen as vilas e aldeas do país cargando de imaxinación, tradición e cultura, dende as grandes cidades ata cada recuncho do territorio. Ó refuxio do inverno e á esperanza nunha primavera que está por chegar, xunto coa festa da matanza, e a evolución e acontecementos locais traídos á festa, son os elementos que historicamente fixeron do noso país un lugar privilexiado no que o carnaval se refire.

O entroido das Terras de Celanova e a Baixa Limia

Como ben nos recordaba, vai uns días, un dos nosos lectores, unha das comarcas de Galicia que posúe un máis que suliñable entroido é a de Celanova, mais tamén un dos máis descoñecidos. Se cadra entre as de esta comarca destaca a festa dos Galos de A Mezquita no concello de A Merca. Nel son os Galos os que ostentan a autoridade do entroido na localidade. Cun caxato na man e sombreiros en forma de galo abordan ós fregueses á saída da misa, esixindo ovos ou cartos, ou obrigándoos a bailar con eles. Os galos anuncian o renacer da natureza coas súas cores e poñen de relevo o paganismo subxacente nas festas do entroido, ó enfrontarse ós devotos nun encontro cargado de simbolismo e irreverencia. 

Os Galos da Merca / amerca.gal

Na mesma comarca, na localidade de Sande destaca o disfraz dos Bonitas. Levan precisamente este nome pola súa vestimenta coidada, camisa branca, garabata encarnada, pantalón branco de algodón e envoltos en panos de seda. Dise que este entroido procede dos anos posteriores á guerra de Filipinas, de 1898, de onde se terían traído, ou imitado, precisamente a estética dos panos ou mantóns. Mais non todo e bonitura xa que levan tamén polainas negras de coiro, cascabeis e na man unha vara de vimbio coa que impoñen, como é lóxico, a súa autoridade. A máscara está feita con arame de peneira e armazón de pau e levan pintados diferentes riscos de fermosura na cara, tales como coloretes. Dende fai uns anos a Asociación de Veciños recuperou tamén as personaxes do oso e a vaca.

As bonitas / Twiter

Máis abaixo, ó sur, na Baixa Limia tamén temos importantes entroidos. Na propia localidade de Bande atopamos ós chamados Troiteiros. Cunha vara na man corren polos camiños meténdose coas mulleres e vellos. O traxe do troiteiro é, ante todo, sinxelo. Homes envoltos nun cobertor ou nunha sábana branca, máscaras feitas de cartón e chocas na cintura. Levan ademais un chapeu adornado con postais e espellos, e cobren a cara con tapetes bordados. O nome de Troiteiro ven de trouleo ou trote, que é o que fan nesta festa polos camiños, erguendo as saias das mulleres e pedindo bicas e licores ós homes a cambio de tratalos ben.

O entroido nas dúas ribeiras do Sil

Seguramente unha das personaxes máis coñecidas do entroido galego fora de Ourense sexa o Oso de Salcedo, na Pobra de Brollón, na comarca das Terras de Lemos. Esta personaxe é, sen dúbida, o paradigma por excelencia do que significou o entroido para a cultura popular das terras do interior de Galicia. Co Oso celébrase o comezo da primavera revivindo o momento no que o oso sae da súa oseira tras a hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo labrego anual, propiciando a abundancia nas colleitas e a fecundidade nas mulleres, así coma a importancia que durante séculos tivo o oso nas terras altas galegas. O Oso de Salcedo, un disfraz formado por peles e cuberto cunha máscara, persegue os visitantes tinguíndoos de cinza, barro e carbón axudado polos seus 12 criados.

Festa do Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón, en Lugo / Youtube

Na outra ribeira do río Sil, principalmente nos concellos de Manzaneda, Pobra de Trives e Maceda, aínda que non son os únicos, os protagonistas son os folións. Un folión, coa mesma raís semántica que foliada é unha celebración musical no que o protagonista é o son bombos, grandes tambores que durante toda a xornada levan enriba o ancestro ritmo do entroido do oriente da provincia de Ourense. Nos folións destas localidades reúnense un enorme número destes instrumentos que son batidos con forza ó longo de horas polas rúas das vilas ata deixar as marcas do sangue no coiro do tambor. É, sen dúbida, xunto coa das chocas, a banda sonora por excelencia do entroido galego.

Un pouco máis lonxe la comarca de Viana, Vilariño de Conso e Viana do Bolo celebran o seu tradicional entroido. Tal e como xa contabamos vai un ano, este entroido recibiu o Premio Nacional en Tradicións Populares concedido pola Sociedad Nacional de Antropología, pois tal e como recoñecía o alcalde, nesta localidade, como en moitas outras, o entroido “lévase no sangue”. Os Boteiros son máscaras de forma cilíndrica, moi axustada, cubrindo toda a cabeza a xeito de casco. Representa a cara dun home con barbas patillas e bigote. A máscara remata cunha prancha cadrada da pau decorada con bandas colgantes de ricas cores.

 

Tradicional Entroido en Viana do Bolo / turismo.gal

Os Choqueiros da Coruña, Merdeiros de Vigo e o Loro Ravachol

Ataviado coa primeira vestimenta que lle aparezca nas mans, en ocasións roupa vella, trapos, vestidos pasados de moda ou roupas de traballo. Esta é a típica figura do entroido da Coruña, que como de todos é ben coñecido se reúne o martes de entroido na Rúa da Torre e máis no Campo de Marte. Esta tradición da cidade foi sen dúbida unha das máis liberadoras. Pois a pesares de mesturarse coa visión máis universal do carnaval, ten, de feito, un carácter histórico moi propio. E é que no seu día non habería de diferenciarse doutros entroidos galegos, pois o propio nome de choqueiro viría das chocas que levarían os disfrazados na cintura. Co tempo o carácter ancestro foi desaparecendo para deixarse levar pola máis pura improvisación, tendo nela o punto de referencia do carnaval da cidade. Como choqueiros coñécese nos barrios tamén o tradicional disfraz de mono de traballo azul e máscara satírica, sobre todo nos tempos nos que a cidade tiña aínda un moi destacado carácter obreiro.

Merdeiros de Vigo / turismogalicia.blogspot.com

En Vigo a personaxe típica do entroido é dende a súa recuperación no ano 2006 a figura do merdeiro. O Merdeiro é unha personaxe de carácter popular que desapareceu durante a década de 1920 debido a ordenanzas municipais que limitaron e suprimiron os costumes transgresores da personaxe. O Merdeiro era habitual nos barrios mariñeiros da cidade, coma no Berbés, e o seu obxectivo era alporizar á xente refinada durante a festa, emporcando a xente con restos de pescado podre, vísceras e merda en xeral. De esta actividade ven o seu nome. O traxe destes merdeiros era unha imitación do tradicional traxe de escabicheiro, labregos adicados a recoller restos de peixe e salgazo para abonar o campo, co que o motivo da figura desta festa sería a rivalidade entre mariñeiros e labregos.

En Pontevedra a figura destacada é a do Loro Ravachol. O loro ou papagaio Ravachol era a mascota de Perfecto Feijoo e vivía na botica que tiña na praza da Peregrina entre 1891 e 1913. Durante a súa vida era un animal moi aprezado pola xente da cidade, sobre todo polos seus diálogos e a fama de mal falado. Tras a súa morte, o 25 de xaneiro de 1913, as diferentes mostras de condolencia e máis o consecuente loito foron convertidos en festa polos veciños de Pontevedra que decidiron que, aproveitando a proximidade do entroido, celebrar en comitiva o seu excepcional enterro. Dende aquela o afamado loro é a estrela das festas da cidade. O loro tiña o nome do anarquista francés François Claudius Koënigstein “Ravachol”.

Outros entroidos de Lugo e Pontevedra

O Concello de Chantada e outro dos concellos galegos cun entroido privilexiado. É coñecido polo seu entroido Ribeirao, en parroquias como Santiago de Arriba. Nel aparecen diferentes figuras, algunhas delas especialmente imaxinativas. De entre elas destacan sen dúbida os Volantes, unha figura chea de color que leva na cabeza un pucho feito dun culeiro de carrexar uvas posto do revés  e adornado de xeito espectacular e colorista, con fitas de cores e flores. É, sen dúbida, un dos sombreiros máis espectaculares do entroido galego. Este entroido ten ademáis outras personaxes, coma os Peliqueiros, que, neste lugar de Galicia, son disfraces feitas con pelicas de cabra ou ovella. Tamén os Mecos, que son máscaras de cores vivos que representan os oficios.

Volantes / encomun.es

Outra variante de traxe de entroido desta localidade e o uso de carcasas secas de millo que confeccionan un singular disfraz. Esta tradición en concreto debeu estar ata certo punto moi espallada no pasado nos entroido de diversas localidades galegas. Similar a estas aparecen figuras ó longo do país coma as Corazas de Camba, en Pontevedra. Estas son máscaras feitas con palla. Neste lugar adoitaba saír outra máscara a que se lle daba nome de Coroceiro. Ambas as dúas tiñan como función mollar ó público con auga. En moitos entroidos de Galicia se mantén o uso dos traxes de palla, unha vestimenta, por outra banda, empregada no pasado habitualmente en tempos para a chuvia.

Pola súa banda outro dos entroidos tradicionais de Pontevedra é o de Cobres. Nel as Madamas e os Galáns son os protagonistas. Destacan polos seus ostentosos traxes, as Madamas con espectaculares saias de encaixe, blusa branca con colares e cadeas, eles con pantalón branco militar, camisa, garabata pano de seda e unha infinidade de cintas de cores. Ambos levan espectaculares chapeus adornados con cintas e frores. Acompañados dunha charanga percorren a zona levando a festa de aldea en aldea.

O entroido da Costa da Morte: Caietano e Mikaela

O Caietano / quepasanacosta.gal

Tamén a Costa da Morte ten o seu entroido, aínda que é, se cadra, unha das zonas de Galicia máis descoñecidas. En Laxe, dende fai tan so un par de anos, se recuperou unha tradición veciñal que ten como centro a figura do Caietano. Segundo a lenda popular, a finais do século XIX, unha tarde na algarabía do domingo de entroido, a xente do lugar se reunira na praza vella, coñecida hoxe como de Ramón Juega, para a celebración. Por aquela había un home na vila, duns corenta anos, disque fillo bastardo do Conde de Altamira, que deixara a nobreza engaiolado pola fermosura da filla dun mariñeiro. Tras ser rexeitado por ela, percorría a vila de taberna en taberna malgastando nunha vida ociosa a súa herdanza. Aquel domingo de entroido, segundo relata a lenda, o Caietano entrara polo arco da praza rodando un bocoi repleto de viño co que non fixo outra que invitar a vila enteira. Daquela foi nomeado alcalde honorífico do entroido polos veciños, e na súa honra pasease un cabezudo pola vila, o Caietano, coma homenaxe a aquel intre e a aquel home. Ó fin do entroido quéimase un meco del na praia.

A Mikaela /quepasanacosta.gal

Non sabemos se aquela filla de mariñeiro sería a Mikaela, pero esta é a personaxe central do entroido de Santo Estevo de Buño, no concello de Malpica de Bergantiños. O sábado seguinte ó mércores de cinza celébrase a festa da Mikaela. Con ela celebran na localidade o final do entroido. A Mikaela é unha boneca de gran tamaño e atributos femininos bastante esaxerados, construída días antes polos veciños. Tralo almorzo é levada polos homes do lugar dende o Campo de Cantalarrana ata o Campo da Culpa ó longo das rúas da vila oleira. A comitiva que antigamente paraba polas casas pedindo filloas e viño, facendo escarnio de que non lle dera, hoxe so para nos bares. Chegada ó Campo da Culpa, faise a queima da Mikaela poñendo fin así ás festas de entroido.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...