Alfredo Suárez Ferrín alcalde fusilado en 1936 / foto histórica DP

Alfredo Suárez Ferrín, o alcalde republicano da Coruña ao que un tenente lle deu o tiro de gracia tras errar intencionadamente os soldados

Tempo de lectura: 4 min.

Aínda que non apareza no Google, na Coruña, no barrio das Roseiras ou “Los Rosales”, hai unha rúa que leva o seu nome. E non é para menos. Xa que Alfredo Suárez Ferrín, foi nada mais e nada menos que o alcalde republicano da cidade durante o golpe de estado de 1936. Traizoado e paseado, Alfredo Suárez foi condenado formalmente a morte no Pazo de Xustiza da Coruña, mentres as súas fillas, agardaron un indulto que nunca se aplicou.

Alcalde republicano nunha cidade de progreso

Alfredo Suárez Ferrín foi fillo dunha familia de profesionais liberais na cidade da Coruña, suficientemente acomodados para que o seu fillo estudara Químicas e Profesorado Mercantil. Unha vez licenciado, como tantos outros emprendedores, formou parte desa burguesía emerxente da cidade da Coruña que tratou de facer fortuna como industrial, sendo propietario xunto co seu irmán primeiro dunha ferraxería e despois dunha fábrica de caldos concentrados.

Mais os seus afáns progresistas non ficaron aí, e dende novo destacou pola súa clara militancia republicana nunha cidade que no primeiro terzo do século XX foi un verdadeiro faro de progreso dentro de todo o Estado. Así, o 12 de abril de 1931, nas eleccións municipais que deron como resultado a II República, foi elixido concelleiro polo Partido Republicano, así como un dos representantes da provincia dentro do seu partido.

Real Audiencia da Coruña nunha imaxe histórica / foto DP

Alfredo Suárez Ferrín fora amigo persoal de Casares Quiroga, e membro do Partido Republicano, chegando a ser vogal da liga de Dereitos do Home. Suárez Ferrín, demostrou en máis dunha ocasión a súa boa fe, cando Casares era Ministro da Guerra e Presidente do Goberno, como na ocasión na que intercedeu en favor dos coroneis Martín Alonso e Nevado de Bouza cando estes foron acusados de golpistas.

Así, foi que precisamente que en xaneiro de 1934 foi elixido alcalde da Coruña, substituíndo ó galeguista Manuel Iglesias Corral, etapa na que representou á cidade nos comités do partido. En febreiro de 1936 foi reelixido de novo cun amplo apoio, pola Fronte Popular, a gran coalición herdeira do Partido Republicano que foi o gran éxito en toda España en aquelas eleccións.

Axustizamento e intentos de fuxida da morte

Mais a partires de xullo co Alzamento caeu igualmente en desgraza. Ese mesmo día foi detido e despois liberado, máis o 21 foi detido de novo. O seguinte día, o 22 de xullo, foi obrigado a darlle o traspaso ó capitán da Intendencia José Fuciños Gayoso e foi enviado de novo a prisión. Os días días 26 e 27 de agosto foi xulgado no Pazo de Xustiza da Coruña xunto con outros compañeiros.

Entre eles estaba o secretario do concello Joaquín Martín Martínez, xornalista e pedagogo, o secretario do goberno civil Leovigildo Taboada, o deputado Manuel Guzmán García, garda civil reconvertido en político pola influencia de Casares Quiroga, e os líderes socialistas Ramón Maseda e Francisco Mazariegos Martínez. No xuízo foron condenados a morte seis dos dez axustizados.

Cárcere da Torre, na Coruña / coruneando.blogspot.com

Ante a sentencia de morte as súas fillas, Elisa e Sofía Suárez Chacón, rogaron por un indulto, e, segundo se conta, os coroneis Martín Alonso e Nevado de Bouza intercederon polo home que outrora os defendera. Segundo se di, tan so horas antes do fusilamento chegou da Xunta de Defensa Nacional á cidade da Coruña o indulto. Mais os xenerais da Coruña decidiron non aplicalo. Foi asasinado o 31 de xullo de 1936.

Unha dura posguerra

De feito, circulou a historia, como en outras moitas ocasións, que durante o propio fusilamento os soldados que formaban o pelotón fallaron en varias ocasións intencionadamente o tiro. Tal foi así que tivo que ser o propio Tenente ó mando do pelotón de fusilamento quen lle tivo que dar un tiro de gracia. Non houbo finalmente intercesión nin sorte posible para Alfredo Suárez Ferrín.

Así, e tal e como relata o seu neto no blog Memoria do Cárcere, comezou unha durísima posguerra para a desolada familia. Non so foi destruída emocionalmente senón tamén ou seus bens saqueados e embargados. A súa muller non volveu saír da casa ata a súa morte en 1959 e os seus fillos e netos viviron silenciados e con temor cada acontecemento político. A familia tivo que saír adiante grazas a axuda de familiares e de bos amigos.

Memorial realizado por Isaac Díaz Pardo aos republicanos asasinados no Campo da Rata da Coruña

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: