fbpx
Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

O lugar no que naceu A Coruña, da especulación urbanística a espazo dos coruñeses

Tempo de lectura: 3 min.

A Solana, o macroproxecto deportivo construído sobre o porto do Parrote na década de 1950, está a piques de volver a ser solo público, e polo tanto de todos os coruñeses. E é que o goberno municipal de En Marea, a través dunha comisión municipal, aprobou definitivamente o pasado luns día 9 a modificación da normativa urbanística local para converter o espazo en solo público.

O obxectivo é evitar, a través do planeamento, a especulación sobre un dos lugares máis importantes da cidade. Pois no ano 2013 unha operación especulativa do goberno do PP mudou o Plan Xeral para poder vender estes terreos. Tempo despois a venta acontecía de feito cando no ano 2017 a Autoridade Portuaria da cidade, en mans tamén do PP, sacounos á poxa pública.

O Porto do Parrote antes da construción da solana segundo unha recreación / foto cidadevella.com

Foi daquela cando interveu o goberno local, xa en mans de En Marea, que lanzou unha oferta de merca por parte do Concello. Mais, tempo despois, e seguindo determinadas argucias legais, a concesionaria ofreceu unha oferta superior deixando por prazos ó Concello practicamente sen posibilidades de mercalo, tal e como xa informamos no noso xornal. Porén a restitución da normativa local ó seu primeiro estado pode frear de feito os intentos da Xunta por privatizar este espazo histórico único.

Un espazo en continua pugna

Mais a modificación non é aínda definitiva, xa que esta modificación do planeamento local precisa do visto e prace da Xunta, que podería pór de novo paus nas rodas do Concello. De feito xa a propia Autoridade Portuaria da cidade e a concesionaria do complexo estableceron alegacións á restitución do estatus urbanístico do lugar, acusando ó goberno local de “desviación de poder e fraude de lei”. Segundo eles o cambio non estaría motivado nin xustificado por unha viabilidade económica ou interese público.

Unha das portas da muralla da cidade da Coruña, coas que Portos pretende agora especular / Íñigo M. Riobó

Porén, para o Concello, que desestimou as alegacións, os terreos para os que se expón a modificación “son deficitarios en dotacións públicas” e terreos desafectados do dominio marítimo-terrestre. Seguindo o planeamento urbanístico forman parte dende o primeiro Plan Xeral desta época democrática de espazos dotacionais dun barrio no que non existen outros. Ademais a Lei de Costas permite que os terreos desafectados podan ser cedidos ós concellos ou comunidades autónomas sempre que se destinen a uso público.

O lugar no que naceu a cidade

O porto do Parrote foi unha pequena esteiro cun diminuto areal ó pé do que sería a Cidade Alta ou Vella e do que sería o castelo da cidade -ubicado no actual xardín de San Carlos-. Este foi o lugar central da primeira cidade da Coruña, refundada por Alfonso IX en 1208. Un pequeno porto natural ó abrigo da ría que permitiría calados de relativa fondura moi preto da costa, e que se convertería na porta natural ó mar da cidade.

Vistas das murallas da cidade da Coruña / Íñigo M. Riobó

Así, este pequeno porto converteríase no primeiro porto natural da Coruña e razón de ser da mesma, ata que co paso dos séculos a cidade se fora trasladando progresivamente dende a Cidade Alta cara á Cidade Baixa ou Pescaría. Aquí se ubicaron algunhas das máis importantes portas da cidade que daban ó mar, como as do Parrote, o Clavo e San Miguel e aquí se viviron moitos dos acontecementos históricos máis relevantes da cidade.

Foi esteiro e porto natural ata que nas décadas de 1940 e 1950, xa co porto moi desenvolvido pola baía, o lugar foi enchido construíndose nel un hotel cun moderno complexo deportivo. O complexo hoxe coñécese como a Solana ocupa de certo ese lugar entre o paseo marítimo e a Cidade Vella. Coa Solana e co Hotel Finisterre perdeuse parcialmente a imaxe daquel primeiro porto. Porén aínda se pode entender o que outrora foi se paseamos ó carón dos baluartes polo paseo do Parrote.

Baluartes barrocos da Coruña /foto Íñigo M. Riobó

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...