fbpx
Un baile típico do Nadal / Rafael Quintía
Un baile típico do Nadal / Rafael Quintía

Manual do Nadal: Ritos e tradicións para vivir un Nadal á galega

Tempo de lectura: 9 min.

Por Rafael Quintía (antropólogo)

O Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Cristianismo quixo pór a data do nacemento de Xesús Cristo no medio deste significativo ciclo festivo da invernía. Sabedores de que nestas datas do solsticio de inverno se celebraban diferentes festividades pagás —como o Natalicio do Sol Invicto—, consideraron que o mellor xeito de aplacalas era fagocitalas baixo a festa do nacemento do fillo de Deus e da súa adoración e epifanía. Este sincretismo relixioso explica o porqué da supervivencia das antigas crenzas e dos antigos ritos de fertilidade e de purificación propios das festas estacionais e máis neste tempo do ano de mutación e cambio.

Varias son as datas importante dentro do ciclo galego do Nadal. Todas elas están vernizadas de antigas crenzas e tradicións e en cada unha delas realizábanse determinados rituais fundamentais para entender estas festas e o que nelas se celebraba. As datas máis importantes do ciclo do Nadal son:

Noite Boa (24 de decembro)

Nadal (25 de decembro)

Día dos Santos Inocentes (28 de decembro)

San Silvestre ou Fin de Ano (31 de decembro)

Aninovo (1 de xaneiro)

Noite de Reis  (5 de xaneiro)

Epifanía ou Día de Reis (6 de xaneiro)

Nacemento no Nadal / Rafael Quintía

Este ano propóñolles un pequeno manual do Nadal galego para que en cada unha destas datas fagan algún dos ritos máis significativos deste tempo de xeito que, ao igual que acontece cos calendarios de Adviento —tan de moda ultimamente— nos que dende o 1 de decembro cada día se come unha chocolatina ata o día 24, poidan facer cada data significativa do ciclo un rito propio da nosa cultura.

Antes de nada quero comentar o tema do popular Belén e da árbore de Nadal, por ser a súa colocación previa ao comezo destas festas. Tal e como explicou Taboada Chivite xa no ano 1963, se ben as representacións do Nacemento e da Adoración de Xesús son un tema arraigado e frecuente na decoración de retablos e igrexas galegas, os Beléns domésticos son un costume relativamente moderno, nacido no ámbito urbano e popularizado fundamentalmente a partir do segundo terzo do século XX, aínda que hoxe en día, con case un século de tradición, podemos consideralo xa un rito noso, cando menos con máis raizame que a tradición da árbore de Nadal. Vexamos entón algún deses ritos data por data.

Na Noiteboa celébrase o nacemento de neno Deus: Xesús. Segundo a crenza, nesta noite, ao igual que acontece coa Noite de Defuntos, os defuntos, as ánimas dos nosos familiares máis achegados virán visitarnos e compartir con nós tan importante data do ano. Cómpre, pois, deixar o lume aceso (quen teña cheminea ou quen conserve aínda a santa lareira) para que se quenten ao carón do lar. Tamén hai que telos en conta á hora da cea, pórlles uns cubertos na mesa e deixarlles algo de comer ás ánimas nunca está de máis e ademais é un xeito fermoso de honrar a memoria e de lembrase dos avós, do pai, da nai, dos irmáns, dos tíos ou dos curmáns que xa non están con nós.

Non son as ánimas os úncios que veñen de visita nesta noite de Noiteboa. Os Trubincos, trasnos rebuldeiros e típicos do Nadal, tamén fan acto de presenza, coándose pola cheminea e demandando o seu correspondente agasallo ou ofrenda. De non ter preparadas unhas boas piñas con brea para eles, non han tardar en facernos falcatruadas na casa. Despois non digan que non foron avisados. O das piñas con brea en tan sinalada noite podemos relacionalo coa tradición de Silesia comentada polo antropólogo británico J.G. Frazer na súa obra The golden bough e segundo a cal todas as noite entre Nadal e Aninovo a xente queimaba resina e piñeiro co obxecto de que o fume escuro que producía escorrentase as bruxas que ameazan as casas e as granxas.

Non acaban aquí os ritos que poden facer nesta noite. Se teñen problemas con algunha árbore froiteira que non dea froito esta é a noite —xunto coa de San Xoán— na que debe actuar. Tirarlles pedras ás froiteiras na Noiteboa é remedio eficaz para que produzan todo o ano. Non hai nada coma un bo rito de fertilidade para que a terra dea o que ten que dar.

Personaxes típicas do Nadal

Despois da cea era costume ir á Misa do Galo. Conta Vicente Risco que nalgúns sitios era costume facer bromas durante esta misa, como botar tinta na pía da auga bendita, botar substancias cheirentas ou coserlles a roupa ás mulleres unhas con outras para que non se poidan separar. Como os tempos cambiaron e a Igrexa perdeu peso como referente normativo da sociedade, deixamos este rito da misa á elección daqueles que sexan católicos practicantes.

En Noiteboa producíase tamén un dos ritos vencellados ao lume máis importantes do ano. Tras deixar morrer o lume vello e limpar a lareira acéndese o lume novo, no que se bota un grande cañoto. Unha vez que este tronco arde un pouco apágase e consérvase todo o ano no fondo da lareira, detrás do lume, como un poderoso obxecto protector que cómpre acender cando ameaza tormenta ou calquera mal planea sobre o fogar, é o Tizón de Nadal. Noutras zonas, este Tizón de Nadal prendíase todos os días dende Noiteboa ata Reis. As cinzas deste sagrado madeiro queimado son usadas como elemento curativo de certas doenzas cutanéas e, esparexidas polas leiras, para propiciar a fertilidade dos campos.

Santos Inocentes, San Silvestre e Noite Vella

No día dos Santos Inocentes conmemórase ou lémbrase a matanza dos nenos ordenada de Herodes. Neste día máis que facer hai que non facer. Pois era costume que neste día non se traballase, pois a tradición di que todo o que se faga nesta data malograrase. En caso de ter que facer algo mellor facer trasnadas que para iso é o día. Gastar bromas aos veciños e amigos ou lanzar noticias falsas pode ser un bo xeito de pasar a xornada segundo manda a nosa cultura. É tamén o día no que os rapaces teñen licenza para faceren cousas que noutras datas non están permitidas, pois eles son os protagonistas, podendo incluso mandar na casa.

Chegamos ao día de San Silvestre e cómpre actuar como no 28, isto é, evitar traballar nesta data para que o feito non se “vaia polo río abaixo” ou para que quen rompa o tabú non caia en desgraza. Ademais, San Silvestre é noite de xuntanzas de bruxas e meigas polo que cómpre ter ollo e tomar as medidas protectoras pertinentes. En San Silvestre, meigas fóra! Reza o dito popular. Para iso nada mellor que botar man da nosa ampla panoplia de amuletos populares: unha castaña de Indias, as cornas de vacaloura, unhas medallas, un dente de allo, un cairo de xabaril ou algunha que outra herba apotropaica poden axudar a manterse a salvo de todo mal.

Vemos como o caos e a ruptura da normatividade que acontece nestas datas (bromas, presenza de bruxas, máscaras e excesos) son aspectos fundamentais para, a través deste caos temporal, producir a renovación do ciclo, para a anulación do tempo pasado e a instauración do novo ano.

Os ritos tamén son moi típicos do Nadal tradicional

Nesta Noite Vella, na que se despide o ano, en moitas aldeas era costume facer fogueiras e saltar por riba para purificarse e protexerse de toda desgraza que poida acontecer no ano que entra. A estas cacharelas tamén se lles chamaba Lume novo. Vemos as similitudes entre os ritos do Nadal e de san Xoán, non en van estamos en datas solsticiais onde o Sol e o seu significado simbólico cobran especial protagonismo e, en consecuencia, tamén os ritos do lume. Tras a cea era costume entre a mocidade saír polos rueiros cun monecos de palla chamado en moitos sitios “Ano Vello” e, tal e como se fai no Entroido, a graza consistía en intentar deixalo na parroquia veciña, o cal era tomado como unha ofensa por parte destes últimos. Unha vez paseado pola aldea, barrio ou parroquia, o moneco era queimado e con el todo o malo do ano que acababa de morrer. Velaí un antigo rito ígneo de esconxuración do mal e, como todo lume, purificador.  

Na actualidade abundan as festas de Fin de Ano onde os excesos etílicos e os encontros carnais adoitan ser habituais. A mocidade agarda este día para ver se pode facer o que non deu feito en todo o ano. Antigamente na nosa terra esta era a data escolleita para facer os sorteos de mozos e mozas —os estrechos, as cédulas ou tamén chamados estreias— de xeito que a través deste pícaro xogo o azar facía parellas provisionais entre os rapaces e as rapazas do lugar o que era motivo de gran diversión e facilitaba o coñecemento mutuo e, moitas veces, futuros noivados.

A Noite Vella —ou en Noiteboa— tamén é o tempo no que vén o Apalpador traer galanos aos nenos, é a “Noite do Apalpadoiro” dicía Taboada Chivite. En moitos sistemas mitolóxicos europeos existen máxicas figuras lendarias propias deste tempo de Nadal. De todos é coñecida a sobreexplotada e estendida figura escandinava de Papá Noel ou Santa Klaus. Pero moitas culturas europeas tiñan os seus propios equivalentes a esta bondadosa personaxe que trae agasallos aos nenos na noite de Noite Boa ou na de Fin de Ano. Na Galiza tiñamos a nosa: o Apalpador, tamén coñecido como Pandigueiro na comarca Terra de Trives. A recuperación desta figura colle cada día máis pulo, un labor iniciado hai unha década pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel a raíz dun excelente traballo de investigación de  José André Lôpez Gonçâlez. En canto á figura do Pandigueiro, esta foi recollida en Trives e documentada polo meu amigo e investigador da Sociedade Antropolóxica Galega Miguel Losada. Moitas destas figuras propias do ciclo festivo da invernía acabarían sendo asimiladas polo cristianismo e sincretizadas baixo figura do bispo cristián Nicolás (san Nicolás de Bari), que viviu en Anatolia alá polo século IV.

A Noite Vella, por ser unha data liminal e de transo, é unha noite propicia para adiviñar ou predicir o que está por vir, o que vai acontecer no ano que comeza.

Cantando polas aldeas

Unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal era ir cantar polas casas. Grupos de mozas e de mozos —ranchos, bandos, reiseiros— percorrían a aldea ou parroquia cantando pezas de literatura popular transmitidas oralmente ao longo dos séculos. A cambio do seu cantar, a mocidade solicitaba o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada. Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos da aldea para iren cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para montar a festa. En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as Xaneiras, Manueis ou Aninovos e a véspera de Reis os Cantares de Reis ou Aguinaldos. Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoita xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir.

O lume, un dos elementos que une nas noites frías do Nadal

O día 5 é a Noite de Reis e o 6 o propio Día de Reis, os Santos Reis ou da Epifanía, no que se celebra a adoración do neno Xesús por parte dos Tres Reis Magos ou os Tres Magos de Oriente. É tradición dende hai máis dun século facer neste día agasallos aos nenos conmemorando os presentes que os Reis Magos levaron ao neno Xesús. Unha tradición que foi substituíndo a chegada daquelas ancestrais figuras da invernía como o noso Apalpador. Se vostede é da confraría do Santo Entroido saiba que a partir de Reis, e incluso dende o primeiro de ano, xa empezan a saír as máscaras. Vellos, Vellas, Madamas, danzantes e outros enmascarados adoitaban acompañar os bandos de reiseiros que percorrían as aldeas cantando e pedindo o aguinaldo.

Entre o día 1 e o día 7 producíanse en moitos lugares de Galiza grandes xuntanzas de veciños que realizaban paparotas pantagruélicas e nas que se aproveitaba para elixir as personaxes importantes da trama social tales como o Rei, o Virrei, os Mordomos das Xuntas de Homes ou os alcaldes pedáneos. Quizais non sería mala idea, por aquilo de seguir a tradición, aproveitar estas datas de comezo de ano para elixir o presidente da comunidade de veciños do noso edifico ou quizais o alcalde da vila.

As comidas

En canto ao tema da comida, tan presente nestas datas nas que partillamos mesa con familiares e amigos do aquén e do alén, non debe faltar o bacallau con coliflor tan típico de Noiteboa, sobre todo porque a Igrexa declarara esta data como de abstinencia de comer carne. Hoxe en día, e suavizado xa ese control moral da Igrexa,  os derivados do porco, os capóns, o peixe ou o polbo tamén poden estar presentes. Nas últimas décadas o marisco, para quen teña posibles, converteuse nun dos pratos estrela destas festas, malia non ser algo de longa tradición. En canto á sobremesa uns figos pasos, uvas pasas, arroz con leite, unhas castañas, noces, abelás, a bica, o bandullo, a vincha ou as filloas poden ser unha boa opción.

O Nadal hoxe en día, nas sociedade capitalistas, converteuse  nun tempo de consumismo desaforado, onde os aspectos sagrados apenas están presentes e onde aqueles vellos ritos de comensalidade, recollemento familiar e reforzamento dos vínculos veciñais e da comunidade derivaron nunha sorte de orxía do consumo e do materialismo irracional, ata tal punto que grande parte das ventas do ano do sector comercial se producen nestes doce días que van de Noiteboa a Reis. Son os sinos do tempo. Mais, postos a consumir coma tolos, consumamos cultura galega, e non me refiro aos produtos culturais —que se queren tamén— senón que gastemos a nosa cultura, exerzamos do que somos, practiquemos os ritos que son fundamentais para o reforzamento da nosa identidade, embriaguémonos coa nosa cosmovisión do mundo. Non perdemos nada e estou certo de que gastarán menos cartos e terán unha resaca bastante máis agradable. Que teñan un Bo Nadal e um Bom Natal!    

Pode que che interese...