fbpx
Estas rapazas de Salcidos (A Guarda) saían cantar os reises o día 5 de xaneiro mais tamén saían cantar as panxoliñas o 24 e 31. Esta imaxe corresponde ao ano 1949 e usaron os cartos acadados no aginaldo para facerse esta fotografía cunha copia para cada unha, un luxo na época / Salcidos en Branco e Negro

Os cantos do solsticio (de inverno) en Galicia (I)

Tempo de lectura: 6 min.

Artigo realizado Davide Leira Caparrós, recuperador do folclore galego e membro do grupo Maghua

Moitas e moitos de nós temos gravada na retina a imaxe dun coro de nenas e nenos a cantar na porta dunha casa, baixo a neve, panxoliñas en inglés. Probabelmente, porque esta imaxe chegou a nós através dun filme inglés ou estadounidense. Que gusto dá ver esas facianas de gozo, a cantar mentres a neve vai engordando o seu manto….

As imaxes que marca en nós a sétima arte son ben potentes, abofé.

A cuestión é que, até non hai tanto tempo, isto era algo ben habitual na Galiza. Ao largo e ao longo do noso País, innumerábeis bandos, xugadas, cuadrillas, ou ranchos botaban semanas a ensaiar para andar os Reis de porta en porta, ao longo do que se chama o ciclo do Nadal, ou ciclo natalicio. Estas formacións preparaban con esmero as súas saídas, porque era unha forma de se facer ver, de facer comunidade (veciñanza) e de competir (iso, sempre), coas formacións das veciñas e veciños.

Pese ás mudanzas sociais e económicas producidas na Galiza (como no resto do mundo globalizado) durante as últimas décadas do s. XX até hoxe, o noso segue a ser un país eminentemente rural. Porén, o despoboamento do interior, a desaparición dos traballos comunais, o desaloxo das aldeas ou a perda do senso do termo “veciñanza”, son evidentes. Parte dos modos de vida do rural esmorecen ao tempo que o capitalismo avanza.

O tempo do solsticio de inverno na Galiza (e noutras sociedades con invernos igualmente duros e longos) marca o tempo dunha festa marcadamente agraria, na que as xentes do campo manifestaban a esperanza no regreso da luz, do sol, da calor, da vida; a esperanza na fecundidade da terra, na harmonía coa natureza. Hoxe, co manto do movemento relixioso predominante na Europa, segue a ser esa mesma festa precristiá, cos adobíos litúrxicos e relixiosos que o novo poder marcou. Segue a ser esa festa de celebración da vida, da fertilidade das terras e do gando.

Para as nosas persoas maiores, as celebracións natalicias soen espertar certos sentimentos (recollemento familiar), lembranzas (o tizón, o prato para os que xa non están), intensos sabores (a laranxas, a noces, a pasas, a turrón ), e a determinados sons, a unhas músicas concretas, que moitas desas persoas gardan na memoria, inmutábeis.

Os cantos de Nadal (Nadales, Noiteboas, Maitines ), os cantos de Reis (Reises, Reices), as panxoliñas ou os vilancicos soaban até épocas recentes en todas as portas, nun percorrido que transmitía esa boa nova, a esperanza, a vida. As xugadas, os bandos, as cuadrillas, ou os ranchos espallaban esta esperanza, posta na fecundidade da colleita, a cambio dunha doazón consistente en produtos agrarios (ovos, lacón, touciño, chourizos, laranxas, doces ) hoxe substituída, en grande medida, por cartos. Este quid pro quo entre o canto e o aguinaldo é importante.

É un costume que, hoxe minorizado, se mantén. Numerosas persoas, entidades e asociacións pulan por dignificar e dar visibilidade á tradición de andar no ciclo de nadal, festexando o solsticio.

Un baile típico do Nadal / Rafael Quintía

Un baile típico do Nadal / Rafael Quintía

Quen anda os Reis, no ciclo do Nadal? Que canta? Cando? Por que? Como?

En cada lugar, ou en cada casa, era común que se conformara un bando, unha xugada, un rancho para andar durante o ciclo, nunhas datas determinadas. As crianzas, ou as persoas adultas do lugar, ensaiaban para saíren cantar ou bailar de porta en porta. Era un “traballo” que tomaban en serio.

Basicamente, unha cuadrilla, ou un bando, consiste nun gaiteiro, acompañado (se cadrar, ademais de por quen tocar o tambor e o bombo), a cada lado, dunha ou mais persoas que cantan, à unha ou enfrontados, as distintas estrofas do cantar. Se houber algunha percusión, alén de bombo e tamboril, adoita tratarse de instrumentos pobres, aparellos que adoita haber nas casas (ferramentas, utensilios varios ).

As cuadrillas, ou bandos, saen cantar (andar) os Reis nas datas elixidas.

Os ranchos son formacións diferentes, que cantan, tocan, e bailan diante das portas das casas até catro danzas durante a xornada previa aos Reis e o propio día da Epifanía: de paus, de arcos, de castañetas e de fitas (o rito solar, relacionado co vermello). Forman parte das coñecidas como “danzas brancas”.

As rondallas son outro tipo de agrupacións que se limitan a tocar. É dicir, festexan tocando, nin cantan nin bailan.

Que cantan estas formacións? Que fan? Cando o fan, dentro do ciclo do Nadal?

Se nos centramos unicamente nas agrupacións que cantan, vemos que existen distintos tipos de cantos natalicios, e unhas datas concretas para os andar. E, se falamos dos ranchos e as danzas, poden ser de até catro tipos: paus, castañetas, fitas ou arcos.

No referente aos cantos, adoitan ter, cando acompaña unha gaita, abundantes mordentes (xa que quen canta, faino canda a gaita). Tamén soe producirse o chamado melisma, a variación do ton nunha mesma sílaba (isto, probabelmente, sexa por influenza do canto gregoriano medieval ou, incluso, da Grecia Antiga).

En canto ao xeito de os cantar, ben poden ir cantando de forma enfrontada dúas ou máis partes da xugada, ou ben todo o bando ao unísono.

Son cantos de tipo relixioso que describen escenas da vida de Xesús (o nacemento, a adoración dos Magos, a fuxida a Exipto, o Neno perdido, o encontro cos doutores relixiosos, o templo, milagres, …), e outra cuestións (Mandamentos en flor, en verso, do amor, a apocalipse –Reis da fin do mundo, Reis tristes-, Madamas…).

Varían en canto á lingua. Os cantos de Reis, os Nadales, ou as Noitesboas, soen ser cantados en español. Mentres as panxoliñas son entoadas, maioritariamente, en galego (estas son creacións populares).

Tamén difiren entre os cantos de ritmo vivo e os de ritmo pousado, cadencioso.

Podemos atopar os seguintes cantos, aínda que moitas veces sintamos ou empreguemos “Cantos de Reis” como concepto que engloba ao resto):

Arrolos:

Cantan-se para arrolar ao Neno, no dia do seu nacemento, ou para comunicar que Xesús é nado. (A la nanita, nana, nanita, ea/ mi Jesús tiene sueño, bendito sea…).

Romances:

Cantan-se todo o ciclo do Nadal, xunto coas panxoliñas, e os vilancicos. Neles aparecen variedade de personaxes (o cego, os donos da casa. ), e narran diferentes escenas da vida de Xesús: o Neno perdido,

no templo; milagres. e. A la puerta llama un Niño, ou Camina la Virgen Pura. Escritos e cantados

neste tipo de verso e rima (octosílabos/ asoante): I.e., Camina la Virgen Pura/ de Egipto para Belén/ y en el medio del camino/ pidió el Niño de beber.

O lume, un dos elementos que une nas noites fríasl / foto CC0

Cantos de Nadal:

Describen a chegada a Belén (por ver si llegan con día, cuando a Belén llegaron toda la gente dormía); a negación de pousada a María e a José (estas puertas no se abren hasta que no llegue el día); o nacemento do Neno (que al mundo resplandecía) ou a pobreza da Sagrada Familia (que un pañuelo no tenía). Hai lugares nos que se denominan Nochebuanas, Festiñas de Nadal, Nadales, e en Bergantiños acostuman andar os Maitines.

Panxoliñas:

Composicións curtas de tema relixioso. Todo o ciclo do Natal. Amosan unha temática variada (milagres, a Virxe, feitos do Neno….). A súa orixe pode atopar-se no Panxe Lingua, de Santo Tomé (Berrádeme pouco, falade baixiño; Xa viñeron os Reis Magos…).

Vilancicos:

Composicións cultas, de ritmo e métrica variábeis. Son cantados na liturxia (a diferenza das panxoliñas). Foron estudados en profundidade por Carlos Villanueva. Atopan-se nos Arquivos das catedrais de Mondoñedo e de Compostela.

Reis da Fin do mundo/ Reis tristes:

Son cantos apocalípticos sobre o Xuízo Final. A finalidade é a de meter medo nos corpos dos pecadores e pecadoras no último día do ano. Adoitan cantar-se, logo, a noite do ano vello. Están a se perder. A xente de avanzada idade gustaba especialmente destes cantos na montaña coruñesa e luguesa. Oh, mi Dios divino, cuando has de bajar, y a los pecadores la cuenta tomar, y a buenos y malos nos has de juzgar…

Anos novos:

Son cantos referidos ao comezo do ano. En Aldán, co motivo do Neno perdido, o cantar de A la puerta llama un Niño, remata con esta copla: Son los Años Nuevos que siempre cantamos/ y que dedicamos al hijo de Dios.

Xaneiras:

Desaparecidas, practicamente. Son pezas relativas à actividade no agro, ou á casa. Teñen referencia ao mes de xaneiro, o do comezo do ano. Aquí estamos os das xaneiras, dispostos para cantar...

Manueles:

O protagonista é un Manuel, no día do seu santo (1 de xaneiro). Veñen substituír ás xaneiras, conforme avanza o “progreso urbanizador”. Manuel querido, Manuel amado…., Ai, Manuel, Manuel del alma….

Andan-se o 1 de xaneiro.

Cantos de Reis:

Son os máis coñecidos e conservados entre os cantos do Ciclo. Falan da procura do Neno polos Magos (Perghuntando por el Niño, Rey de los Cielos y Tierra/ Y hallaron al Niño Diose en brazos de una doncella), que saen de Oriente guiados por unha estrela (dicen que se van sighiendo una moi locida estrella, que sus ojos no han visto otra semejante a iella); da adoración dos Magos; dos dons entregados; como evitan a Herodes na sua viaxe (por Herodes no encontrare)…. Se arrodillaron los Maghos, le ofrecieron foresteza, los dones incomparables, valor que allí representa Mirra le ofreció Melchore,

oro le ofreció Ghaspare, i encienso el que se numbra el rey santo Baltasare.

Madamas:

Hai quen sitúa estes cantos no ciclo do antroido. Porén tamén hai quen os canta no ciclo do Nadal. Era o caso de Ricardo Lagares, en Moar, Frades (A Coruña), por exemplo. Van describindo, a xeito de caricatura, a unha das mulleres casadeiras da casa, se as houbera. Tu cabello, dama, es maneo de oro, que cuando lo peinas, se te riza todo. Tu nariz, madama, es muy afilado, a la punta espada, traigo comparado…

Máis adiante achegaremos a outras cuestións, como as partes dos cantos, as datas nas que se sae andar no Nadal….

Pode que che interese...