fbpx
Interior do Pazo de Tor / manuelgago.org

Lavado de cara dos museos de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Os museos de San Paio de Narla, Tor e o Museo Provincial de Lugo someteranse a unha reestruturación das súas infraestruturas para mellorar accesos, visibilidade e os circuítos expositivos. Para iso, o Goberno da Deputación de Lugo iniciou xa as primeiras actuacións de 836.000 euros.

Os primeiros traballos consisten na mellora do pavimento da Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial de Lugo, que conta con 284 metros cadrados, e do acondicionamento da ventá arqueolóxica que acolle este espazo. Son actuacións de case 3.000 euros.

O presidente da Deputación de Lugo supervisa os traballos iniciados no Museo Provincial de Lugo / Deputación de Lugo

O presidente desta institución, Darío Campos Conde, quixo visitar tamén as salas Multiusos e dos Mosaicos do Museo Provincial onde o Goberno da Deputación contratou obras por valor de 20.000 euros para a reparación da cuberta, no caso da primeira, e do lucernario, na segunda. Estas actuacións están pendentes da concesión por parte do departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia do permiso legal imprescindible para o seu inmediato inicio, sempre que as condicións climatolóxicas así o permitan.

Máis actuacións

O Executivo Provincial está a contratar tamén con preto de 73.600 euros a desinsectación nos Museos de San Paio de Narla e Pazo de Tor. Son actuacións de conservación necesarias, que consisten na fumigación dos edificios, salas de exposición e coleccións. Estes traballos garanten a eliminación de xilófagos, que son habituais na madeira, en todos os obxectos expostos, nos soportes expositivos e nas estruturas das edificacións; así como a conservación do conxunto das pezas, que suman 5.000 en San Paio de Narla e Pazo de Tor.

O Goberno da Deputación tamén está a contratar con 740.700 euros o reforzo da vixilancia nos 4 museos da Rede Provincial ata finais de 2018. Con este servizo, o Executivo incrementa os vixilantes e as cámaras, ao tempo que pon en marcha unha prestación de “acuda”, que non existía, que implica a presenza inmediata de persoal de seguridade no momento en que se active unha alarma, sen esperar a chegada dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

O conxunto destas actuacións (pavimento da Sala de Exposicións Temporais, cuberta e lucernario das salas Multiusos e do Mosaicos, desinsectacións en San Paio de Narla e Tor e vixilancia dos 4 museos) suman un investimento de 836.000 euros.

Pode que che interese...