Estudantes piden axuda para realizar un proxecto de arqueoloxía participativa no Monte Carrio, no Deza
Son seis estudantes da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, cuxa vocación é a conservación do patrimonio cultural. É por iso que queren realizar un proxecto de intervención no conxunto arqueolóxico Monte Carrio, na Comarca do Deza, cunha bolsa do grupo Pascual. En total, piden 5.000 euros.
O obxectivo da súa intervención é crear un xacemento vivo, “creando na sociedade un instinto de conservación mediante actividades educativas e participativas”. Para iso, levarán a cabo unhas conferencias impartidas por diversos profesionais, uns talleres de arqueoloxía experimental e outra serie de actividades participativas nas que o asistente se converterá no protagonista.

Estudantes da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia nun traballo de campo
A axuda económica investirase nos materiais necesarios para realizar os talleres de arqueoloxía experimental e outros cursos, nos conferenciantes e profesionais que colaboren co proxecto e nos seguros e outros gastos administrativos. Tamén nas actividades lúdicas que amenicen as xornadas. a publicidade, mercadotecnia, páxina web, redes sociais e outros recursos relacionados coa difusión e na creación de produtos gráficos e sinalización dos conxuntos arqueolóxicos destacados en Monte Carrio.
Achega solidaria
“O noso proxecto levarase a cabo grazas á colaboración interdisciplinar entre profesionais, asociacións públicas e privadas, institucións de varias índoles e diversos colectivos creando así un tecido asociativo e colaborativo entre todas elas por ese obxectivo que todos temos en común: A defensa do patrimonio cultural”, indican na súa petición.
“Ademais a través das nosas actividades educativas e participativas obteremos un beneficio a nivel cultural, que é a defensa e difusión do patrimonio local. Por todo isto consideramos que a achega do noso proxecto é de gran importancia xa que abarca non só á sociedade vinculada de maneira máis directa a Monte Carrio se non a todos os colaboradores e implicados que se acaban de citar”, engaden.