fbpx
Via Nova ao seu paso pola Baixa Limia / Panoramio

Piden que se poña en valor a Vía Nova, unha das grandes autoestradas romanas que atravesaba a Gallaecia

Tempo de lectura: 2 min.

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), criticou o “desinterese” que amosan as institucións públicas pola Vía Nova, unha das grandes vias romanas da Gallaecia, e relacionou este feito coa situación que atravesa a día de hoxe todo o rural. “Este abandono do noso patrimonio cultural está moi ligado ao abandono do noso medio rural. Parece que aos poderes públicos non lles importa nada nin unha cousa nin a outra. De feito, vemos a diario políticas que pensan cada vez máis en manter as grandes industrias e promover o avance do capitalismo, fronte á defensa do pobo e do rural, que é polo que se debería apostar, xa que ademais de manter vivas estas zonas, contribúe a conservar o patrimonio”, denunciou.

Senra fixo estas declaracións durante a inauguración o sábado no Concello de Bande (Ourense) da xornada informativa e de debate “A Vía Nova: Un camiño de Europa”. Así, chamou a rachar coas “actuais políticas de abandono e desleixo por parte da Xunta e da maioría dos concellos galegos” e a impulsar este camiño primitivo que vai desde Braga a Astorga, pasando pola provincia de Ourense, aproveitando que o 2018 será o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Conferencias sobre a posta en valor da Via Nova / AGE en Europa

Senra explicou, durante a súa intervención, que o xoves desta semana se aprobou no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, proclamar o 2018 como Ano Europeo do Patrimonio Cultural e fixo unha chamada ás autoridades galegas “para que espabilen e aproveiten, se é que até o de agora estiveron durmindo, a oportunidade que vai brindar este feito”. “Que aproveiten o financiamento co que estará dotado o Ano Europeo do Patrimonio Cultural -8 millóns de euros-. A promoción e conservación da Vía Nova debe formar parte das actividades deste Ano Europeo”, defendeu.

Coñecer a Via Nova

Así mesmo, a eurodeputada comprometeuse a “facer todo o que teña nas súas mans” para que o Parlamento Europeo e a Comisión Europea coñezan a realidade da Vía Nova. “Analizaremos a situación e apoiaremos todos os esforzos que están a facer diferentes asociacións para visibilizar a Vía e que se coñeza”, dixo.

Pola súa banda, Davide Pérez López, arqueólogo e vogal de Cultura da Asociación de Montaña Arnau, que colaborou na organización desta xornada, cualificou a Vía Nova como “un tesouro” e reclamou un “futuro viable” para este camiño. Pérez defendeu que potenciar a Vía Nova significaría tamén dinamizar toda a comarca da Baixa Limia e toda a provincia e reclamou que se acondicione axeitadamente todo o camiño, con paradas e albergues ao longo de todos os lugares polos que pasa a Vía, desde Portugal, até a Baixa Limia, Celanova, Alto Arnoia, Terras de Caldelas, Montaña de Trives, Valdeorras e o Bierzo.

Nas exposicións participaron relatores como Santiago Ferrer Sierra, arqueólogo de Valdeorras, pertencente ao Grupo Arqueolóxico Larouco; Manuel García Valdeiras, arqueólogo profesional da Limia; Manuel Rivero Pérez, antropólogo e voluntario social; Marta Delgado González, responsable de Mira Xurés;Toño Monteiro, escultor e membro da Asociación Medioambiental Xuresianos-Geresianos AXUGE; e Xavier Perdiz, presidente da Asociación de Montaña Arnau, entre outros.

Pode que che interese...