fbpx
Aquis Originis, a mansio romana en situación de abandono que se atopa na Via Nova / wikipedia

O deterioro dunha vila romana ameaza co seu derrube en Lobios

Tempo de lectura: 2 min.

Aquis Originis, unha vila romana perfectamente estudada e escavada en Lobios, e situada moi preto da Vía Nova, a estrada que unía Bracara Asturica (Braga) con Asturica Augusta ( Astorga) está nunha situación de abandono e deterioro que ameaza, mesmo, co derrube dalgúns dos seus muros.

De feito, neste ben foron xa detectadas varias fendas. Por iso, realizouse un estudo este mes para analizar o estado desta “mansio”, unha pousada que daba servizo aos usuarios da vía. “Está en bo estado, pero a estrutura que se restaurou hai uns anos para explicar aos visitantes a composición do edificio, non atravesa o seu mellor momento”, recoñecía en La Región o director da campaña, Celso Hugo Barba, referíndose ás gretas detectadas nos arcos, o lousado e os muros do xacemento.

Sobre o nivel de conservación da Vía Nova en Lobios, os arqueólogos coinciden en que se trata dun tramo ben conservado, aínda que nalgúns puntos sofre os problemas frecuentes das escorrentías e os desprendementos de pedras.

A valoración sobre o seu estado centra o informe remitido á Xunta de Galicia, cuxa Dirección Xeral de Patrimonio sufragou os traballos no marco dun acordo de colaboración co Concello de Lobios. No texto, a restauradora Vitoria Filgueira, que formou parte do equipo de traballo liderado polos arqueólogos Celso Barba e David Pérez, realiza unha serie de recomendacións para futuras intervencións, co obxectivo de protexer e promocionar a “mansio”.

A intervención en Lobios consistiu na limpeza e roza da Vía Nova ao longo dos sete quilómetros que separan Portela do Home e o balneario de Riocaldo, que presentaba zonas intransitables pola maleza. Ditas labores permitiron acondicionar o conxunto de miliarios agrupados hai anos nas marxes da estrada OU-312 e algún “in situ” no camiño de descenso desde a fronteira “así como unha mutatio (parada máis pequena que unha mansio) situada un pouco máis arriba do Aquis Originis que estaba sinalizada, pero sen escavar”, apuntaba Barba, que destacou a importancia de organizar quedadas veciñais, como a visita guiada que tiveron recentemente, “para que saiban da súa existencia e importancia, porque para querer algo e protexelo, hai que coñecelo antes”.

Moi preto do campamento de Aquis Querquennis

Aquis Originis é unha do once mansións das que consta a Vía Nova ao longo dos 318 quilómetros que separan Braga e Astorga. A edificación está conformada por unha zona de descanso, onde comer, durmir e cambiar os cabalos, e outra de baños, dado o gran interese que tiñan os romanos pola cultura da auga.

A súa ocupación foi fluctuante e prolongouse durante a vida útil da calzada romana. “Quizais, pola proximidade e magnitude do campamento romano Aquis Querquennis de Bande, esta mansio queda un pouco eclipsada. Pero non por iso é menos importante”, reivindicaba a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, que terá en conta estas e outras recomendacións incluídas no informe remitido a Patrimonio para futuras negociacións co Goberno galego que salga das urnas o próximo 25 de setembro. Fonte: La Región

Pode que che interese...