A Xunta asegura que os danos na antiga calzada romana Via Nova son “superficiais”
Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio visitaron o tramo da Via Nova en Lobios que resultou afectado polo paso de maquinaria pesada para a corta e recollida de madeira tal e como relatou este portal de información histórica. Un feito que provocou multitude de reaccións nas redes sociais. E as súas conclusións preliminares é que os danos son “superficiais”.
A Via Nova está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC), polo que goza da máxima figura de protección. Calquera mínima incidencia sobre ela debería ser comunicada á Xunta, trámite que non se fixo nesta ocasión.
Os técnicos de patrimonio constataron que houbo afectación da vía romana pero suliñan que foi “pouca intensa”. Con todo, procederon á apertura dun expediente informativo, así como a tentar buscar ao responsable destes feitos.
Este é o comunicado remitido a Historia de Galicia:
“Logo da visita realizada o martes por técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural cóntase cun informe inicial valorativo, previo ao informe definitivo, referido ao tramo afectado da Vía Nova.
– Este tramo atópase recollido no catálogo do PXOM vixente no concello de Lobios e foi superficialmente alterado polo paso de maquinaria pesada por cadeas.
– A valoración da afección, logo da visita, é que esta é extensa (400 metros de trazado) pero pouco intensa, pois as remocións producíronse sobre o manto de terra vexetal que cobre o trazado da Vía neste sector”.