Estragan parte dunha das vías romanas mellor conservadas de Galicia con maquinaria pesada | Historia de Galicia
Desfeita na Via Nova tras o paso de maquinaria pesada / Xavier Perdiz

Estragan parte dunha das vías romanas mellor conservadas de Galicia con maquinaria pesada

Tempo de lectura: 2 min.

O uso de maquinaria pesada en bens patrimoniais provocou unha nova desfeita nun dos grandes monumentos romanos de Galicia, a Via Nova, a vía romana que ía de Braga a Astorga.

Este novo atentado contra o patrimonio tivo lugar no Concello de Lobios. Trátase da milla final que acaba na Portela do Home. Tal e como denuncia o activista patrimonial Francisco Xavier Perdiz a través das redes sociais, maquinaria pesada da que se adica á corta e retirada da madeira accedeu por unha pista que cruza a vía romana e desfixo boa parte do tramo orixinal do camiño romano.

Esta vía, que está protexida e ten a catalogación de BIC, é unha das mellores conservadas de Galicia. Por iso, acceder con maquinaria por ela está penado pola lei. Ademais, nesta parte da estrada romana, que transcorre entre Lobios e a Portela do Homem, está unha das mansio da vía, a Aquis Originis ou Ogerensis.

Rodeiras da maquinaria pesada que atravesaron pola Via Nova no Concello de Lobios / Xavier Perdiz

Unha gran via de comunicación romana

A Vía Nova ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino é unha calzada romana, construída durante a dinastía flavia, que unía as poboacións de Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga). O seu percorrido de 215 millas romanas, duns 318 km, estaba balizado por once mansio, ou lugares de descanso: Salaniana, Aquis Originis, Aquis Querquennis, Geminas, Salientibus, Praesidium, Nemetobriga, Foro,Gemestario, Bergidum e Interamnium Flavium. A Via Nova foi inaugurada por Caio Calpetano Rantio Quirinal Valerio Festo, no 79 d.C. segundo consta nun miliario.

Na actualidade hai un crecente interese por parte das institucións públicas, galegas e portuguesas en recuperar esta vía romana cunha dobre finalidade: salvagardar o patrimonio cultural e potenciar o turismo como fonte xeradora de riqueza.

Desfeita na Via Nova / Xavier Perdiz

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: