Piden trasladar do seu sitio orixinal un panel de petróglifos único polo seu perigo de desaparición
O Colectivo Patrimonio dos Ancares presentou un escrito ante o Concello do Incio solicitando a protección dos petroglifos do Agro do Pepe, situados no encoro de Vilasouto, catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC) co código GA27024074.
Dende hai anos vimos denuncian, tanto diante das Administracións públicas (Xunta de Galicia e Concello do Incio) como publicamente, o estado total de abandono en que se atopa esta singular mostra da arte rupestre ao aire libre que, dende hai uns quince anos, ten sufrido distintas agresións provocadas pola acción humana, as máis graves consistentes no gravado sobre o panel de nomes de persoas e repicado e resaltado (a última vez hai pouco) con materiais duros do contorno das figuras. Ademais, principalmente durante o verán, sobre a pena vense piraguas, bañistas que a utilizan para tomar o sol e como trampolín, sen faltar os pescadores que a usan como “postura”, acelerando a súa deterioración.
Por outra parte, dende a construción no ano 1969 do encoro de Vilasouto, na cunca do río Mao, a pena dos petroglifos está a sufrir unha continua erosión, máis cando boa parte do ano permanece baixo as augas o que lle está a producir un serio desgaste ás figuras, e non só a estas, tamén ao propio soporte pizarroso o que, a medio prazo, vai provocar o seu derrube. De feito, tense constancia oral de que no mesmo sitio había, ao menos, outra pena con gravados que agora xa está baixo as augas.
Figura antropomorfa
Os petroglifos do Agro do Pepe presentan un dos motivos máis singulares da provincia de Lugo, tanto pola súa temática como pola súa escaseza. Sobre a pena foron gravadas coviñas, once ferraduras, catorce cruciformes e, presidindo o conxunto, unha excepcional figura antropomorfa que podería representar a unha divindade feminina que amosa un pronunciado sexo e que podería estar relacionada coa fertilidade. Para nós, a figura do Agro do Pepe ten unha certa semellanza coa magnífica Moura da Pena Furada, no concello de Coirós, coa única salvidade de que sobre esta última existe detrás un magnífico traballo realizado polo seu descubridor, o arqueólogo Antón Fernández Malde. Son moi escasas as figuras de divindades galaicas e, que nós saibamos, só nestas dúas se representa de forma clara o sexo. O estudo da figura do Agro do Pepe, tal como se fixo coa Moura da Pena Furada, podería achegarnos un pouco máis ao sistema simbólico relixioso dos pobos galaicos.
Este colectivo é partidario da conservación “in situ” dos xacementos arqueolóxicos, tamén o é que no presente caso, polo dito máis arriba, o máis prudente, se queremos preservar os petroglifos do Agro do Pepe, sería o seu traslado para un sitio seguro, iso si, nas inmediacións do encoro, conservando a súa disposición, orientación, etc.
Mentres tanto, o que si resulta urxente é dotar de protección as gravuras. Para elo propuxémoslle ao Concello do Incio protexelas cun peche o máis acorde co entorno que permita a súa visibilidade sent ter que pisalas. Tamén cumpriría colocar un panel onde, de forma didáctica, se informe do seu valor e significado, advertindo, ademais, que danar os petroglifos pode acarrexar, sengundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, graves sancións.
Coordenadas
Patrimonio dos Ancares tamén se dirixiu a Patrimonio da Xunta de Galicia para que corrixan a situación destes petroglifos. No Plan Básico Autonómico (PBA), ferramenta fundamental para coñecer a ubicación exacta dos bens patrimoniais, sobre todo á hora de realizar calquera actuación na súa contorna de protección, sitúanno na parcela 1.103, polígono 10, no terreo coñecido como Restre, nin máis nin menos que a 420 metros da situación real.
Coordenadas segundo o PBA: x: 629266 – y: 4724950
Coordenadas correctac: x: 629689 – y: 4724975