Abren unha pista polo medio dunha mámoa que forma parte dun camiño de túmulos de 2,5km de longo | Historia de Galicia
Mámoa da necrópole da Zapateira arrasada por unha pala / Carlos Enxamio

Abren unha pista polo medio dunha mámoa que forma parte dun camiño de túmulos de 2,5km de longo

Tempo de lectura: 2 min.

A apertura dunha pista arrasou unha das mámoas da necrópole da Zapateira, en Culleredo, un conxunto arqueolóxico que está catalogado por este concello xa que forma un camiño de túmulos funerarios prehistóricos de máis de 2,5 quilómetros e con máis de 30 mámoas.

A denuncia foi feita por Carlos Enxamio Carreira a través do FB. Esta pista forestal atravesa polo medio da mámoa desta necrópole que foi escavada por primeira vez 1935 por varios membros da Sociedade coruñesa “Amantes do Campo”, entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García ou Manuel Insua.

A necrópole tamén foi estudada por Luís Monteagudo García, que a localiza ao longo dunha meseta de dous quilómetros e medio, e na que transcorría un vello camiño de carro que comunicaba a parroquia de Rutis e Uxes.

Mámoa da necrópole da Zapateira arrasada por unha pala / Carlos Enxamio

Fronteira

Ademais, e como soe acontecer cos monumentos megalíticos, a necrópole áchase na confluencia dos concellos de Culleredo, A Coruña e Arteixo. Gran número de mámoas localízanse nos límites municipais e son utilizadas con marcos para a delimitación dos mesmos, noutras ocasións trasladáronse para sinalar límites de leiras e propiedades privadas.

O total de mámoas localizadas foi de trinta e tres, delas dezanove no término municipal de Culleredo. En xeral son de pequenas dimensións, con diámetros que van desde os 10 m. A mámoa máis grande áchase no concello da Coruña, no Monte da Arca en terreos dun Clube de Golf.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: