fbpx
Mapa antigo de Galicia con topónimos
Mapa antigo de Galicia con topónimos

Axuda a reconstruír a historia de Galicia a través dos nomes e das lendas de lugares, leiras, montes e penedos

Tempo de lectura: < 1 min.

Galicia Nomeada, a aplicación da Real Academia Galega e a Xunta para a recuperación colectiva da microtoponimia, recolleu en menos de dous meses máis de 4.000 nomes de montes, leiras, fontes e mesmo rochas pertencentes a 140 dos 313 concellos galegos.

A iniciativa recibiu, desde a súa posta en marcha o pasado 20 de decembro máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en rexistrar e xeorreferenciar nomes do territorio da súa contorna. Ademais de compartir os nomes e identificalos sobre a imaxe aérea do territorio dispoñible na plataforma, boa parte dos usuarios achegaron audios coa súa pronuncia ou con lendas asociadas e numerosas fotos de elementos de interese cultural, como cruceiros, muíños, capelas, fontes ou pontes.

Destaca o traballo de determinadas persoas usuarias, como as contribucións individuais desde Rianxo, onde a colaboradora Susana Silva achegou máis de 630 topónimos; e desde O Irixo, cos máis de 509 facilitados por Xulio Dobarro. Destacan tamén as achegas colectivas, como os 1.025 topónimos achegados en Silleda polo profesor Xoán Carlos García Porral e os alumnos do IES Pintor Colmeiro.

Pode que che interese...