fbpx
Recreación dunha loita entre viquingos e cristiáns / forum libertas

Arqueólogo insiste en que o norte de Lugo tivo presencia de viquingos desde o século X

Tempo de lectura: 2 min.

O arqueólogo navarro Iñaki Sagredo insiste en que que houbo un asentamento viquingo en Galicia, concretamente, no norte de Lugo. Precisamente, este profesional atópase actualmente traballando nas escavacións xunto ao mosteiro medieval da illa Coelleira, en busca de vestixios e probas que permitan esclarecer o pasado desta illa. Anteriormente xa se encargou de coordinadar as escavacións e investigacións levadas a cabo no xacemento de Os Moutillós, no Vicedo.

“Existen serios indicios para dicir que os viquingos estiveron no Vicedo no século X, pero temos que ser cautos, debemos de seguir investigando e conseguir máis probas determinantes”, asegurou Sagredo nunha entrevista en La Voz de Galicia.

O seu equipo comezou no verán de 2014 a escavar o xacemento dos Moutillós e, posteriormente, o da illa Coelleira. “No xacemento de Os Moutillós atopamos un muro de importantes dimensións, que entendemos que no seu día foi construído polos habitantes da zona para protexer a costa de posibles ataques, así como para controlar visualmente todo o enclave”, indica.

Cando comezaron os traballos contaron tamén coa axuda de Mariña Patrimonio. Precisamente este colectivo é un dos grandes divulgadores deste xacemento que apunta á similitude deste lugar coa estrutura dun ‘motte & bailey‘ que define aos asentamentos normandos.

A finais de 2015 un equipo de Iñaki Sagredo atopou tellas, ósos, muros, cerámica e unha moeda semellante a un óbolo de Afonso X, O Sabio (S.XIII).  Tamén se atoparon cerámicas, unha delas, cunha cruz das chamadas potenzadas, polo remate que ten. Os restos atopados proceden de varias épocas, desde a Idade do Ferro e época romana, ata a Idade Media.

Recreación dun asentamento viquingo / NG

Críticas

Non obstante, hai quen critica a existencia de asentamentos permanentes de viquingos e asegura que non hai ningunha evidencia arqueolóxica que sustente a presenza de viquingos en Galicia. De feito, lembran as pequenas intervencións en Os Moutillóns non revelaron que sexa un asentamento dos saqueadores nórdicos.

Con todo, están documentados  ataques de viquingos e normandos a territorio galego, desde Foz, onde teñen moi viva na memoria o milagre de San Gonzalo e o afundimento de toda unha frota nórdica, ata Tui, varias veces saqueada polos viquingos, entre as que destaca o ataque Olaf de 1014 que deixou a cidade sen sé episcopal durante case 70 anos. De feito, nas crónicas aparecen catro grandes xefes viquingos que atacaron o país; Gunderedo, Olaf, Ulf –a quen chamaban o galego e do que xa se falou en Historia de Galicia— e Bjorn Costelas de Ferro.

Pode que che interese...