fbpx
Salina das lagoas, en Oia / Costa dos Castros

Descubre o tesouro que os romanos atoparon no sur de Pontevedra

Tempo de lectura: 3 min.

Os romanos conquistaron a Gallaecia, en parte, procurando ouro que sacaron en abundancia. Pero unha vez asentados neste territorio comezaron a explotar outros recursos. Ata agora era relativamente descoñecida unha importante actividade da época, a do sal, pero nos últimos tempos estase comprobando que a costa Sur de Galicia foi unha potencia tamén nesta industria.

Xa falamos en Historia de Galicia do Centro Arqueolóxico do Areal, bautizado como Salinae, que contén as salinas de evaporación solar máis antigas e, ademais, as únicas musealizadas de todo o mundo. Un patrimonio único do que pouco se sabe e que suliña a importancia que a industria do mar tivo na Galicia romana.

Tamén en Bueu, na Illa de Arousa ou no Grove hai restos de salinas pero, ata agora, a do Areal, de Vigo, era a mellor conservada do mundo. E novos achados nas parroquias de Viladesuso e Mougas, en Oia, veñen confirman a importancia que a industria do sal tiña nesta zona. Trátase de dúas estruturas de orixe romano nas que se poden apreciar varios tanques de salgadura que funcionarían por evaporación. “É unha salina espectacular”, incidiu a arqueóloga Mar Cortegoso, a arqueóloga que se encarga da súa excavación, quen tamén manifestou que o grande tamaño que teñen os xacementos fai pensar en que tiveron un aproveitamento industrial e non foron explotacións para autoconsumo.

Recreación dunha salina en época romana / proyectoloreto.com

O sal, outro ouro para os romanos

E por que era tan importante o sal?. A carne de atún en salgadura, o garum, o licuamen ou a muria, produtos perdidos desde a época medieval, eran moi consumidos por toda a sociedade romana, como subministradores de sal e vitaminas. Hoxe a industria da salazón está en decadencia e case é produto gourmet. Pero en varias partes da costa galega esta industria era unha parte fundamental da economía galego-romana.

Traballos arqueolóxicos nas salinas romanas atopadas en Oia / Costa dos Castros

As salinas romanas atopadas este ano no litoral das parroquias de Viladesuso e Mougás están sendo estes días obxecto dunha actuación arqueolóxica financiada pola Xunta, a cal inclúe labores de escavación e prospección con vistas á súa contextualización arqueolóxica.

As estruturas quedaron este inverno ao aire libre polo efecto dos temporais, sendo descubertas por dous veciños de Oia: Dino Vicente, que atopou unha na zona das Lagoas (Viladesuso), e Jorge Fernández, que achou a outra no Aguncheiro (Mougás).

Campaña arqueolóxica

Esta intervención busca a contextualización arqueolóxica das estruturas, para a súa inclusión no inventario de xacementos arqueolóxicos de Galicia, e intenta documentar a súa adscrición cronotipolóxica: é dicir, trata de confirmar de que momento histórico e tipoloxía son. Así, estase a desenvolver unha escavación no xacemento das Lagoas e unha limpeza na do Aguncheiro, actuacións ás que seguirá unha toma de imaxes aéreas con dron para a realización dun estudo de fotogrametría.

Tamén se realizará unha prospección etnoarqueolóxica para a posible localización de novos puntos entre A Guarda e Oia (que incluirá conversas con veciños) e se compilará a bibliografía existente.

Recreación dunha salina romana / Salinae

Divulgación

Desde o proxecto Costa dos Castros informan que o equipo de arqueólogos dirixidos por Cortegoso continuará os seus traballos durante os próximos días e concluirá a campaña cunha conferencia na que divulgarán os principais resultados acadados.

“O achado destas salinas vén confirmar, unha vez máis, a grande riqueza patrimonial de Oia, un municipio que atesoura elementos de patrimonio arqueolóxico de diferentes épocas (petróglifos da Idade do Bronce, varios castros da Idade de Ferro, vestixios romanos…)”, apuntan desde este proxecto arqueolóxico.

Pode que che interese...