fbpx
Consuelo Rodríguez López, Chelo, na súa época de guerrilleira / youtube

Lembrando a outra das heroínas galegas, Chelo, a guerrilleira á que lle mataron toda a familia

Tempo de lectura: < 1 min.

A Casa das Crechas acolle este domingo 19 de novembro un espectáculo moi especial, “O regueiro”. Trátase dun concerto documental de Pilo Sierra e L.A.R. Legido, que dá conta da historia de Consuelo Rodríguez López, Chelo, guerrilleira de Soulecín, Barco de Valdeorras. Muller chea de coraxe, compromiso e dignidade, é a última supervivinte dunha familia moi duramente represaliada, co asasinato de seis dos seus membros, nos anos da postguerra.

Coa ambientación sonora de L.A.R. Legido, na batería e obxectos sonoros, a poesía e a voz de Pilo Sierra, e a proxección de audiovisuais coas testemuñas da propia Chelo, constrúese un espectáculo de fonda emotividade, anovador no concepto e necesario no seu contido.

“O regueiro é unha homenaxe a Chelo e a todas as mulleres silenciadas que desenvolveron un papel activo na loita daquela sociedade, e que mesmo chegaron a participar da guerrilla armada ademáis de apoiala dende a clandestinidade. Mulleres dobremente represaliadas, por ser desafectas ao rexime dictatorial, e pola súa condición feminina”, apuntan os organizadores deste evento que terá lugar ás 20.30 horas e custará 6 euros.

 

Pode que che interese...