fbpx
Manuela Barreiro Pico, a primeira licenciada en farmacia de Galicia

Manuela Barreiro Pico, outra das grandes mulleres que fixeron Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

“Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada, primeira licenciada en Farmacia de Galicia (1900)”. É o libro que presentou a Deputación de Lugo hai uns días e que recolle a vida e obra da primeira galega licenciada en farmacia de Galicia.

A obrar recolle fotografías, recortes de prensa e documentos desta lucense que foi a primeira muller en acadar o título de Bacharelato no instituto de Lugo, en 1896; a primeira matriculada na Universidade de Santiago de Compostela, en 1896; e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia e sétima de España, no ano 1900.

“Manuela Barreiro Pico foi unha pioneira na loita dos dereitos de todas as mulleres e en abrir camiño nos estudos universitarios, que hoxe en día cursan multitude de mulleres, pero que na sociedade que lle tocou vivir tivo que combater contra os convencionalismos, trabas e restricións da época”, dixo durante a presentación da obra a deputada socialista Mayra García Bermúdez.

Placa en homenaxe a Manuela Barreiro Pico

Ribadense destacada

Manuela Antonia Barreiro Pico naceu en Viveiro o 5 de xullo de 1887, aínda que a súa vida transcorreu no Concello de Ribadeo, onde o seu pai era mestre. Estudou ensinanza primaria na escola de nenas de dita cidade e preparou o Bacharelato no colexio de S. Luis.

Esta ribadense foi a primeira muller en acadar o título de Bacharelato no instituto de Lugo, en 1896; a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela, en 1896; e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia e sétima de España, no ano 1900. Para realizar os estudos universitarios tivo que solicitar numerosos permisos mentres que os homes o podían facer sen ningún tipo de problema. Abriu a súa farmacia en Ribadeo no ano 1901, co nome Farmacia Moderna, sendo noticia en numerosos diarios de prensa galegos. Traspasaría a súa farmacia en 1931, despois de 30 anos de profesión. Morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953.

Pode que che interese...