fbpx
Manuel Miranda coa reprodución dun guerreiro castrexo feita en fibra de vidro e resina

O guerreiro castrexo da Mariña; unha figura de resina e fibra de vidro

Tempo de lectura: 2 min.

Mariña Patricia Alemparte asinaba unha información que esta web publicaba o 28 de decembro sobre o achado dun guerreiro castrexo na Mariña. Unha nova que resultou non ser de todo certa. E, dicimos, de todo, porque o guerreiro castrexo existe, pero é de resina e fibro de vidro.

Mariña Patricia Alemparte é un trasunto de Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, entidadade de defensa do patrimonio desa fermosa comarca do norte de Lugo e autor desa figura que confundiu a moita xente nun dos dous días que en Galicia se celebran inocentadas.

A reprodución do guerreiro castrexo de Manuel Miranda, protagonista dunha inocentada no HdG

Miranda, un gran coñecedor da arqueoloxía do país, tamén fai reproducións arqueolóxicas, especialmente de cerámica. Tamén fai algo en bronce (torques, fíbulas, puñais de antenas…). Había tempo que tiña ganas de probar a facer un guerreiro castrexo, con resina e fibra de vidro, pensando, sobre todo, nas festas de recreación histórica. E, este verán, púxose mans á obra e fixo dous. Un deles é o famoso guerreiro aparecido na finca de Cándida Núñez.

“Mentres os ía facendo, ía argallando como aproveitar o guerreiro para gastar unha inocentada e ocorréuseme que o día 28 de decembro podía ser unha boa ocasión. Ao principio a idea era mandarlles un WhatsApp coas fotos do guerreiro recén atopado a catro amigos, pero a historia foise enguedellando até chegar a Historia de Galicia”, comenta.

E esa é a historia deste guerreiro de resina e fibra de vidro que mesmo chegou a aparecer este venres no xornal El Progreso de Lugo baixo o título de “Ingenio a raudales”, sobre as inocentadas lucenses deste 28 de decembro. Por certo, quen estea interesado no guerreiro que se poña en contacto co Manuel Miranda 😉

Pode que che interese...