fbpx
Campo de concentración e de exterminio de xudeus de Auschwitz

“Primeiro coñecín a morte, logo o nacemento”: as experiencias do Holocausto en fotografía

Tempo de lectura: < 1 min.

“A miña vida comezou desde o final. Primeiro coñecín a morte, logo o nacemento”. Así se expresaba a xudía supervivente do Holocausto Halina Birenbaum unha vez foi capaz de recompoñer a súa vida, truncada polos nazis na cuarta década do século XX.

Halina sobreviveu a ese xenocidio –Shoah en hebreo-, pero non así seis millóns de xudeus, exterminados nunha barbarie sen precedentes perpetrada pola Alemaña nazi e os seus colaboradores co único propósito de aniquilar o pobo xudeu.

Cando se achega o Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto (27 de xaneiro), a Universidade de Santiago abre o venres a exposición ‘SHOAH. O Holocausto. Como foi humanamente posible?’ en colaboración coa Comunidade Xudía de Galicia e co Museo do Holocausto de Xerusalén.

A mostra confórmana varios paneis nos que se detalla o contexto sociopolítico da época, e en concreto do pobo xudeu, o nacemento e expansión da ideoloxía nazi e finalmente o exterminio desa comunidade nos campos de concentración. Todo isto ilústrase con documentos gráficos e testemuños de superviventes da barbarie.

A exposición inaugurarase oficialmente este venres 26 ás 19.00 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca e poderá visitarse de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas.

Pode que che interese...